COMERCIO E POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Os departamentos de Comercio e Lingua lanzan a iniciativa "Videoconsellos: o comercio local sabe de que fala"

27/06/2022 O alcalde Xosé Sánchez Bugallo e o concelleiro de Políticas Lingüísticas Rubén Prol presentarán esta tarde unha nova iniciativa que pretende achegar ao público a sabedoría e o bo facer do tecido comercial da nosa cidade a través de 20 videoconsellos protagonizados por comerciantes de Santiago.

O Espazo Apego acollerá esta tarde ás 20:30h a presentación da iniciativa "Videoconsellos: o comercio local sabe de que fala", coa que os departamentos de Comercio e Lingua do Concello de Santiago pretenden dar un pulo ao comercio local.

O proxecto lánzase con vinte audiovisuais xa editados, para os que se abrirá a canle específica de Youtube Videoconsellos #EuMercoAquí e #galegoempresas. Tamén se poderá acceder desde as páxinas dos dous departamentos implicados: Comercio e Lingua, así como desde a web galegoempresas, directorio que se creou para divulgar e localizar negocios que ofrecen servizo na nosa lingua.

A estes primeiros vídeos poderanse sumar, a través dun formulario sinxelo, todas/os as/os comerciantes locais que queiran compartir consellos prácticos relacionados co seu ámbito. Os vídeos editados deberán ter certa calidade, estar en galego, e achegar contido informativo de utilidade para o público. Tamén poderán enviar as súas ideas e propostas para novos contidos entre os que o Concello poderá seleccionar novas producións de videoconsellos.

Este proxecto pretende reforzar a autoestima do propio comercio poñendo o foco na súa calidade, non só do que vende senón de como o vende e do que pode axudar aos clientes. O obxectivo é tamén afianzar o vínculo entre a veciñanza e o comercio local, a través dunha lingua común, e empregando o espazo virtual, o máis frecuente para acudir a resolver dúbidas do día a día.

Compartir: