ALCALDÍA

O Concello celebra a Xornada de portas abertas

19/04/2007 O venres 20 de abril o Concello de Santiago abre as súas portas ás asociacións, colexios, cidadáns ou turistas que desexen coñecer un pouco máis de preto a sede da institución. Ademais da celebración dun pleno infantil no que participará alumnado de numerosos colexios composteláns, este ano o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, exercerá de anfitrión daqueles visitantes que queiran coñecer o Concello da súa man. Todas as persoas ou organizacións que desexen participar na xornada poden chamar ao 981 542 343.

A entrada ao Concello é libre, en horario de 10:00 a 19:00 horas. Aínda que se entregará un folleto explicativo da historia do pazo de Raxoi, haberá guías durante a mañá e a tarde para acompañar a aqueles que queiran saber máis. Ademais, este ano o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, exercerá de anfitrión daquelas persoas que queiran coñecer da súa man as dependencias do Concello. Para organizar as quendas da visita co alcalde, haberá que apuntarse previamente no devandito 981 542 343.

Na conmemoración do 28º aniversario da constitución das corporacións democráticas no faltará a celebración dun pleno "extraordinario", do que serán protagonistas rapaces de primaria de numerosos colexios composteláns, a primeira hora da mañá. Será ás 12:00 horas cando reciban a visita do alcalde e dalgúns concelleiros para explicarlle ao "alcalde en funcións" como se preside e se celebra un pleno, órgano de máxima representación política da cidadanía dentro do goberno municipal.

O Pazo de Raxoi

Situado na praza do Obradoiro, xusto fronte á Catedral, o Pazo de Rxoi é na actualidade é sede do concello de Santiago e do Goberno autonómico.

Responde ao estilo neoclásico francés. A súa fachada principal estrutúrase segundo un esquema simétrico ordenado a través dun frontón central triangular e dous frontóns semicirculares laterais que descansan sobre columnas xónicas. O frontón central posúe un relevo no que se representa a batalla de Clavixo e que cubre o tímpano sobre o que se asenta a figura de Santiago o Matamouros, esculpida por Xosé Ferreiro.

O edificio foi obra dun enxeñeiro francés do século XVIII e a súa construción débese a un encargo do arcebispo de Compostela Bartolomeu Raxoi e Losada. Na orixe, o edificio destinouse a cárcere e concello ademais de albergar os nenos do coro da catedral, os acólitos e os sacerdotes.

A situación deste pazo, veciño do Hostal dos Reis Católicos –antigo Hospital Real– xerou, nos anos da súa creación, non poucas polémicas e litixios. O administrador do Hospital Real por aquel entón opúxose á construción deste edificio argumentando que privaba de ventilación e luz natural o Hospital, ademais de impedir que tivese unha ampla zona para a saída e entrada dos doentes.

Compartir: