URBANISMO

Nota aclaratoria sobre a información en relación a un aparcamento privado en superficie xunto ao CHUS

23/06/2022 Ante as informacións aparecidas estes días en prensa, en relación, a suposta "solicitude" de licenza para un aparcamento privado en superficie xunto ao CHUS, (o Complexo Hospitalario de Santiago), aclarar que:

-Nunca se solicitou unha licenza. Presentouse unha solicitude de información urbanística. A información urbanística non é un requisito para desenvolver unha actividade (como pode ser a comunicación previa), e o seu contido non é vinculante para a administración. Nin a solicitude nin a emisión dunha información urbanística son un paso obligatorio para a petición ou tramitación dunha licenza, comunicación previa ou declaración responsable. .

-Despois da solicitude de información, tal e como sinalou onte a responsable de Urbanismo en rolda de prensa, mantívose un encontro o 20 de abril cunha das propietarias do terreo, á que se lle comunicou que se ía estudar a proposta, porque nese terreo poderíase autorizar unha pequena bolsa de aparcamento.

-As parcelas atópanse no ámbito do Solo Urbanizable Programado 9/10 afectado polo novo Trazado do Camiño Portugués e polo Castriño de Conxo, polo que o que se pode desenvolver nelas , tan so se pode concretar unha vez que os propietarios presenten a correspondente Comunicación Previa de obra coa documentación técnica necesaria que non se presentou; e, tralo remate das obras, a Comunicación Previa da actividade.

-Calquera proposta, que pode presentarse en calquera momento sen necesidade de solicitar nin esperar o resultado dunha información urbanística, precisa da avaliación da Dirección Xeral de Patrimonio que fixará as condicións nas que se poden desenvolver esas obras de acondicionamento provisional que; neste caso, so poden ter carácter menor sen que sexa posible asfaltar nin facer grandes movementos de terra.

Compartir: