ACCIÓN CULTURAL

Preséntase o "Mapa dos cinematógrafos" que achega a historia das salas de proxección en Santiago

22/06/2022 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada por Óscar Senra, de MAOS Innovación Social - S.Coop.Galega, presentou esta mañá a versión impresa do "Mapa dos cinematógrafos de Compostela", unha iniciativa que ten como obxectivo dar a coñecer a historia das salas de proxección en Santiago. Esta publicación forma parte de Compostela Filmada, un proxecto impulsado polo Concello co obxectivo de pór en valor o a vinculación da nosa cidade co mundo do cinema.

Durante a rolda de prensa, a concelleira Mercedes Rosón explicou que con este traballo "queremos por unha banda, afondar na relación da nosa cidade co cinema, ata agora bastante descoñecida; e por outra, homenaxear todos eses espazos que contribuíron a divulgación cultural e ao avance da sétima arte". Ademais, "estes espazos forman parte, non só da memoria colectiva da cidade, tamén da historia individual de cada un dos veciños e veciñas que nalgún momento das súas vidas desfrutaron dalgunha das películas que se proxecton neles", engadiu a edil.

O Mapa dos cinematógrafos, que se enmarca no proxecto Compostela Filmada, recolle un listado de todas aquelas salas ou lugares, 21 en total, que albergaron proxeccións dende a chegada do cine á nosa cidade no ano 1900, con esa primeira exhibición no pazo de Amarante sen apenas potencia de luz, ata os nosos días, coas modernas salas de Cinesa As Cancelas e a sala de cinema independente NUMAX.

Pola súa banda, Óscar Senra, coordinador do proxecto Compostela Filmada, explicou que este mapa "pretende ser o resumo da intensísima historia que Compostela tivo ao longo do tempo coas salas de proxección", xa que a pesares "de ser a última cidade galega á que chegou o cinematógrafo, logo recuperou con creces o seu protagonismo no mundo do cine tanto a través das proxeccións como das gravacións de filmes".

Esta mapa permitirá ás persoas interesadas facer un percorrido histórico que vai desde o primerio cinematógrafo ata a moderna proxección dixital, pasando polas proxeccións itinerantes e as carpas, e de aí ás salas estables até chegar aos actuais multicines e outras salas de proxección. As persoas interesadas poderán obter un exemplar do mapa tanto no Salón Teatro como nos Centros Socioculturais de Santiago. Tamén é accesible en versión dixital a través da páxina web Compostela Filmada.

Compostela Filmada

O "Mapa dos cinema(tógrafo)s de Compostela" forma parte do proxecto Compostela Filmada impulsado polo Concello de Santiago, un espazo na rede no que se recolle a intensa relación da nosa cidade co cinema: rodaxes, filmes, entrevistas, carteis, trailers, vídeos, etc.

Na web pódese atopar un apartado de recursos, que inclúe unha compilación bibliográfica, unha selección de biografías de persoas relacionadas tanto co mundo do cinema como coa nosa cidade, tres liñas do tempo (unha xeral, outra que mostra a historia a través das rodaxes aquí realizadas, e unha terceira sobre o cineclubismo), e un amplo inventario de rodaxes; así como un apartado de galerías fotográficas, con carteis, trailers e vídeos completos de filmes, series, curtametraxes e documentais.

Tamén incorpora un blog con diferentes novas ao redor de Compostela Filmada, entrevistas a persoas do mundo do cinema relacionadas co Concello, e artigos que desenvolven distintas temáticas cinematográficas.

Direcciones relacionadas



Compartir: