MEDIO AMBIENTE

A concelleira Mila Castro abre as xornadas sobre interpretación educativa e coñecemento da árbore

20/06/2022 Esta mañá deu comezo o "Curso de interpretación educativa e coñecemento da árbore", organizado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e que se desenvolverá desde hoxe e ata o xoves 23 de xuño no edificio CERSIA. No acto de apertura participaron a concelleira da Medio Ambiente, Mila Castro e o xefe de Área da "Subdirección General de Política Forestal" do MITECO, Gregorio Chamorro.

Na súa intervención, a concelleira Mila Castro recordou "que as árbores e os bosques urbanos son o ecosistema máis próximo ao ser humano e proporcionan multitude de beneficios para a saúde das persoas", unha circunstancia que cobra especial relevancia nas cidades, "particularmente pola pandemia de COVID19 e o cambio climático no que estamos inmersos e que vén provocando nos últimos anos enfermidades, secas, inundacións, ondas de calor ou virus descoñecidos", engadiu.

A edil de Medio Ambiente salientou que "cómpre construír unha sociedade máis equitativa e xusta que, ao tempo que garanta o benestar xeral, mellore a nosa relación co medio natural", e reiterou a aposta do Concello, como doutras cidades, "por situarse no núcleo da reflexión e da acción arredor da loita contra o cambio climático", para o que é "fundamental contar con docentes e expertos que nos axuden a implicar escolares e mozos na procura dun desenvolvemento sostible".

O curso está dirixido a licenciados/as, persoal técnico, de enxeñaría, e monitores/as de tempo libre enfocados en labores educativos. Entre hoxe e o vindeiro 23 de xuño, estas xornadas abordarán a importancia do patrimonio arbóreo, do coñecemento de árbores e soutos únicos; así como a historia, idade, biodiversidade e servizos ecosistémicos das árbores; as árbores singulares como elementos educativos e turísticos, e os bosques terapéuticos.

Documentos relacionados



Compartir: