ACCIÓN CULTURAL

AGAPI presenta un novo estudo sobre a produción audiovisual independiente galega a nivel internacional

16/06/2022 AGAPI (Asociación Galega de Produtores Independentes) presentou hoxe a publicación 'Consolidación da produción audiovisual independente galega como marca de éxito internacional', que recolle entrevistas en profundidade con responsables da produción independente galega. Na rolda de prensa estiveron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o presidente e a xerente da entidade, Felipe Lage e Uxía Caride.

O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a presentación do estudo "Consolidación da produción audiovisual independente galega como marca de éxito internacional", unha edición dixital elaborada por AGAPI co apoio do Concello de Santiago, e que pretende ser unha continuación da publicación do ano 2021 ‘Estudo cualitativo das produtoras audiovisuais independentes galegas’.

Durante a rolda de prensa, a concelleira Mercedes Rosón recordou que "as producións audiovisuais galegas son un referente a nivel nacional debido á calidade, ao talento e á profesionalidade tanto dos artistas, directores, produtores, como de todo o persoal de apoio que os rodea". Ademais, a edil suscribiu as palabras recollidas no estudo de personalidades da industria como Jaione Camborda, Iván Peño, Suso López, Paula Cons, Iván Patiño e Chelo Loureiro, quenes destacan "a unión do audiovisual galego, a súa capacidade de emprendemento e a súa facilidade de recoñecemento en comparación con outras debido aos seus elementos culturais diferenciadores".

Mercedes Rosón tamén fixo fincapé no compromiso do Concello a seguir apoiando este sector, xa que "Santiago se enorgullece de ser fogar dunha industria referente tanto a nivel autonómico como nacional e mesmo internacional", como respalda "a presenza tanto en festivais ano tras ano xunto cos eloxios da crítica e do público".

O estudo presenta unha serie de reportaxes cos principais responsables a nivel creativo e empresarial as produtoras galegas independentes co fin de medir o pulso e estado do noso audiovisual. A parte de análise do éxito das produtores independentes, articúlase en sete eixos temáticos: a coprodución, o documental, as curtametraxes, as empresas de servizos, as estreas do 2021, o recoñecemento do talento persoal e o papel das mulleres na dirección, recollendo os testemuños dos profesionais do sector na que falan sobre o impacto da pandemia e o éxito das produtoras independentes galegas.

O obxectivo desta obra é o de dar difusión e poñer en valor a produción independente. Ademais, este estudo permite achegar coñecemento de forma directa, dando voz aos produtores para falar do presente e futuro audiovisual.

Compartir: