MEDIO AMBIENTE

Aríns contará cun espazo verde de 32 hectáreas tras a selaxe e clausura do antigo vertedoiro

14/06/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e os concelleiros de Medio Ambiente, Mila Castro, e de Medio Rural, José Manuel Pichel, visitaron esta mañá o terreo do antigo vertedoiro de residuos inertes de Aríns (lugar de Fornás), que se convertirá nun espazo verde tras os traballos de selaxe e clausura nos que se investiron preto de 1 millón de euros.

Durante a visita, o alcalde amosouse satisfeito coas "labores de adecuación e selaxe realizadas para a clausura do vertedoiro de Aríns para a súa conversión nun parque público", unha actuación na que o Concello investiu 1 millón de euros e que "era moi necesaria tras 10 anos en estado de abandono". O rexedor explicou que o terreo, dunhas 32 hectáreas, "era unha antiga mina de cobre e plomo que funcionou ata principios dos anos 90, e que desde o 1995 foi empregada como vertedoiro para aloxar o entullo das obras de construción de Santiago, ata o 2010".

O alcalde recordou que este terreo "seguirá o camiño doutros antigos vertedoiros da cidade xestionados polo Concello, como o de Costa Vella ou de Piñor-VIllestro", e converterase nun espazo verde "que ofrecerá á cidadanía unha gran pradeira rodeada dun bosque de piñeiros, nun prazo moi reducido comparado con outras obras, xa que se recuperará dun xeito máis rápido que outros vertedoiros ao tratarse neste caso de materiais inertes de construción, entullo, pedra, cemento, formigón.."

Ademais, o alcalde manifestou o seu desexo de que este proceso se replicase na canteira de Miramontes en Grixoa, e aclarou que o Concello "atópase á espera de que neste mes de xuño a empresa nos presente o proxecto de clausura e selaxe"

Proceso de selaxe

Pablo Martín, técnico de Medio Ambiente do Concello, explicou a técnica empregada para a selaxe de terreo de Aríns, consistente "no perfilado do territorio e a instalación de tres láminas, unha de xeotéxtil, unha de polietireno e outra de xeodrén, cubertas por unha capa de 30-40 cm de terras seleccionadas, e por enriba outros 15 cm de terras vexetais hidrosementadas". Ademais "no perímetro irán unhas cunetas que recollerán as augas superficiais e que pasarán a unha balsa de decantación para eliminar os lodos ata que a vexetación colla arraigo".

O técnico detallou que é a lámina de polietireno a que achega "a capa de impermeabilización dos residuos", e a de xeodrén é "a que permite dar saída á auga superficial".

Vertedoiros recuperados

Nos últimos anos, o Concello levou a cabo o proceso de recuperación do vertedoiro municipal de Costa Vella, xusto detrás do Leroy Merlin, que no 1995 se converteu nun parque público no que se acaban de plantar preto de 1.000 carballos. Tamén se levou a cabo en 2007 a conversión nun espazo verde do vertedoiro de residuos de Piñor, en Villestro.

Compartir: