TURISMO

O Festival de San Xoán volve o día 23 a Mazarelos

09/06/2022 O "Tren Cacharelo" circulará de balde na tarde do xoves 23 de xuño con paradas nos barrios onde se organizan algunhas das cacharelas veciñais máis populares.

Na tarde-noite do xoves 23 de xuño a praza de Mazarelos volverá acoller, tras dous anos de parón, unha nova edición do Festival de San Xoán, organizado por Turismo de Santiago, entidade de promoción turística do Concello.

O obxectivo do Festival é aproveitar a gran tradición que teñen as Festas de San Xoán en Santiago de Compostela, con multitude de cacharelas por todo o termo municipal e unha implicación veciñal moi importante, e así potenciar o seu atractivo turístico, tanto para o mercado doméstico coma o internacional.

Este Festival, que completa ás actividades que artellan para o día de San Xoán os distintos colectivos, barrios e asociacións de todo o concello, arrincará ás 17 horas da tarde na praza de Mazarelos, cun programa que inclúe Obradoiros de Pandeireta e percusión tradicional, Danzas tradicionais, Baile galego, Canto e aturuxos, e Ramiños de Herbas de San Xoán.

Na praza haberá ademais un espazo específico para a cativada, o "Espazo palleiro", e "Auga máxica de San Xoán", ademais doutras novidades. De 17.00 a 18.30 h haberá dúas Rutas de recollida de herbas de San Xoán –paseos de contido botánico por espazos verdes- e o "Tren Cacharelo" circulará de 17 a 22 h. Todas as actividades son de balde. O prazo de inscrición para garantir praza naquelas que o precisen, abrirase o martes 21 de xuño.

Ademáis, a partires da nove da noite haberá un cocnerto de Xurxo Fernandes, que dará paso ao Conxuro e unha Degustación de Queimada, para pechar a festa a partires das once da noite cun concerto de CRNDS + Fransy.

O programa completo pode consultarse en www.santiagoturismo.gal e na Oficina de Turismo de Santiago, sita na rúa do Vilar, 63.

Compartir: