SEGURIDADE CIDADÁ E MOBILIDADE

A Xunta Local de Seguridade aborda o dispositivo para "O Son do Camiño"

09/06/2022 Representantes do Concello, a Delegación do Goberno, a Xunta de Galicia, e das forzas e corpos de seguridade reuníronse esta mañá no Pazo de Raxoi para coordinar o dispositivo de seguridade do Son do Camiño, festival que atraerá arredor de 42.000 persoas a Santiago os días 16, 17 e 18 de xuño. As tres administracións actuarán de forma conxunta con medidas especias que se aplicarán tanto nos controis de acceso e no interior do recinto, como na propia cidade. Tamén se reforzarán os servizos ferroviarios e de transporte metropolitano para evitar a aglomeración de vehículos.

O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade á que asistiron, entre outras autoridades, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Gonzalo Muíños; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones e o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva, así como representantes da Policía Local, Autonómica e Nacional e da Garda Civil co obxectivo de consensuar as medidas de reforzo para garantir a seguridade no interior e no exterior do festival "O Son do Camiño".

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, explicou que o propósito deste plan de coordinación é "asegurar a chegada e a saída ordenada dos asistentes, así como un correcto desenvolvemento tanto dentro como fóra do recinto nun evento que congregará unhas 42.000 persoas, a maioría delas chegadas de fóra, durante os tres días de concertos".

Para evitar as aglomeracións de vehículos na contorna do recinto, Xosé Sánchez Bugallo anunciou que se porán a disposición dos asistentes "10 autobuses que cubrirán de forma continuada o percorrido entre o Monte do Gozo e a Estación Intermodal", así como o "previsible reforzo dos servizos ferroviarios e de transporte metropolitano para garantir una acceso ordenado desde a contorna de Santiago e desde outras cidades galegas". Os asistentes poderán tamén utilizar as 4.000 prazas de parking habilitadas na área e que poderían dar servizo a unhas 12.000 persoas.

O rexedor compostelán recordou que durante o transcurso do evento musical reforzaranse os servizos de limpeza así como outro tipo de servizos municipais para que non interfira na entrada dos peregrinos na cidade, xa que "neses tres días Santiago podería recibir ata 12.000 camiñantes".

Deste xeito, os días 16, 17 e 18 de xuño, o reforzo de efectivos concretarase no despregamento de 28 axentes da Policía Local en cada unha das quendas de tarde e de noite, dúas unidades da UIP (Unidad de Intervención Policial), así como a actuación das unidades da Policía Autonómica. Ademais, instalarase un posto de mando avanzado no propio recinto onde todos os corpos de seguridade traballarán de forma conxunta. O despregamento completarase coa presencia dos voluntarios de Protección Civil e servizos de seguridade privada.

O delegado do Goberno, José Miñones, subliñou a importancia da actuación coordianada entre as tres administracións para que "a xente poida desfrutar despois de dous anos de pandemia, do primeiro gran evento do Xacobeo e que o fagan con seguridade", unha cicunstancia que "beneficia tanto aos asistentes como á Santiago e a Galicia no seu conxunto".

Pola súa banda, Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, aproveitou para facer "unha chamada a todas as persoas que acudan aos concertos a que colaboren coas autoridades para que todo se desenvolva sen ningún incidente e o público poida centrarse soamente en desfrutar dos concertos".

Compartir: