XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local acorda presentar os proxectos de rehabilitación do Estadio Verónica Boquete e do Auditorio de Galicia á convocatoria de axudas PIREP

09/06/2022 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, acordou o compromiso de que o Concello "disporá de todos os recursos humanos, técnicos e orzamentarios necesarios para executar o proxectos de rehabilitación do Estadio Municipal Verónica Boquete (San Lázaro) e do Auditorio de Galicia.

De xeito paralelo, aprobouse a participación no Programa de "Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) Local – Liña 2 (2022)" e a aceptación do procedemento regulado na Orde TMA/178/2022, do 28 de febreiro, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública e a convocatoria para a presentación de solicitudes polo procedemento de concorrencia competitiva no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

E, ademais, acordouse o compromiso "da obriga da parte non subvencionable recollida nos dous proxectos, coa seguinte distribución:

• Rehabilitación do Estadio Municipal Verónica Boquete. Toda a actuación ten un custe estimado de 2.998.725,26 euros (sen IVE). O importe total solicitado na convocatoria, como axuda do PIREP, ascendería a 2.848.845,66 euros, correspondéndolle ao Concello asumir a parte non subvencionable, 149.879,60 euros, e o IVE correspondente, 629.732,30 euros, o que sumaría un total de 779.611,91 euros.

• Rehabilitación do Auditorio de Galicia. Toda a actuación ten un custe estimado de 1.469.441,57 euros (sen IVE). O importe total solicitado na convocatoria, como axuda do PIREP, ascendería a 1.418.049,47 euros, correspondéndolle ao Concello asumir a parte non subvencionable, 51.392,10 euros, e o IVE correspondente, 308.582,73 euros, o que sumaría un total de 359.974,83 euros.

Compartir: