ALCALDÍA

Conclúe a primeira Maker Faire Galicia híbrida da historia tras cinco xornadas de altísimo nivel

08/06/2022 As xornadas contaron con máis de 10.000 visitantes e nelas premiáronse 20 proxectos e makers. Durante o evento, máis de 200 persoas realizaron as súas achegas á Axenda Urbana 2030 a través do punto de información habilitado polo Concello.

A oitava edición da Maker Faire Galicia destacou tanto polo grado de innovación dos proxectos presentados coma pola calidade dos relatorios ou a gran oferta de obradoiros. As xornadas contaron con máis de 10000 visitantes, tanto virtuais como presenciais, durante as 5 xornadas que durou o evento.

Ademais, durante as 5 xornadas que durou o evento, celebráronse 3 competicións de proxectos, unha no ámbito da industria e as startups, outra no educativo e a última na xornada de portas abertas.

A 8ª edición da Maker Faire Galicia 2022 contou entre outros co apoio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Realízouse coa la colaboración de la Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia e Innovación.

Nas xornadas da industria os proxectos gañadores foron:

1º - Agrodomo Inteligente - Centro de Diseño Tecnológico Industrial del Valle (Colombia)
2º - smartPAL - Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC
3º - Siluro - Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo

Por outra banda na xornada educativa os proxectos gañadores resultaron ser os seguintes:

Na categoría MiniMakers: Miniciudad inteligente - CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón

Na categoría Makers: Adapta Maker - CEE Ntra Sra Lourdes e IES Menendez Pidal

Na categoría MakersPro: Chatterbox - Salesianos Zaragoza

Proxecto máis popular: Aeronave tripulada - CIFP As Mercedes

E xa nas xornadas abertas os proxectos galardonados foron:

Na categoría Divulgación:
1º Premio - Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC
2º Premio - Mundobichos
3º Premio - NeurotechGal
Recoñecemento do xurado - VermisLAB

Na categoría Makers:
1º Premio - Bastón electrónico 2.0 - Juan Antonio Sánchez
2º Premio - EduMaker Ghana - Fab Lab Xtrene Almendralejo
3º Premio - Robots de cine - Project Droid

Na categoría MiniMakers:
Miniverso - Noa e Leo
Healthy Kingdom - VermisLAB
PatacaCHÚ - VermisLAB

Durante a xornada do domingo tamén se entregou o premio ó proxecto gañador da terceira edición da Game Maker Jam, que foi para Find de Vaca-Bot de BIBALLO (Madrid). Ademais, Luz Castro xurado da Game Maker Jam, foi agasallada co premio á colaboradora máis friki da Maker Faire Galicia 2022.

Seguidamente tivo lugar o recoñecemento ó proxecto gañador do Hackathon de tecnoloxías de apoio, que foi para o equipo composto por: Begoña Trujillo, Pilar González, Rosa María Chacón, Jesús Escandón, Juan Antonio Sánchez, Sergio Dacal e Yago-Nguyen Rodríguez, que resolveu o reto plantexado pola ONCE e consistía no recoñecemento facial en porteiros automáticos para persoas cegas ou xordo-cegas.

Para pechar o evento, a organización decidiu outorgarlle o premio Maker De Mérito a Gitanjali Rao, por ser unha referente do mundo maker a nivel internacional e por traballar en solucionar os grandes problemas da humanidade.

Punto de información da Axenda Urbana 2030
Máis de 200 persoas achegáronse durante a fin de semana ao espazo que a Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela tivo na Maker Faire Galicia, celebrada na Cidade da Cultura. Dende a organización amosan a súa "satisfacción porque a participación foi moi positiva, tanto por parte das crianzas como das persoas adultas".

A proposta Redeseñando Compostela converteuse "no lugar onde compartir as preocupacións da cidadanía, así como os seus principais desexos para o Santiago do futuro". Para iso, a través dunhas nubes de ideas e da reinterpretación de edificios da cidade dun xeito creativo, as persoas participantes plasmaron como lles gustaría que fose o municipio no 2030. Ao tempo, ofreceuse a oportunidade de cumprimentar o formulario de participación en liña dispoñible na web www.axendaurbana2030santiago.gal.

Entre as principais propostas realizadas polo público salientan as seguintes: vivenda accesible; parques cubertos e alternativas de lecer para crianzas e mocidade -desde rocódromos ou casas nas árbores ata un parque acuático-; creación de carrís bici; mellora da mobilidade sostible; máis prazas de aparcamento a carón do hospital; control ao sector turístico -regulación dos pisos turísticos e terrazas-, ou reforzo na difusión das actividades e propostas de lecer municipais. Unhas achegas que se foron plasmando ao longo das dúas xornadas e que tamén servirán para enriquecer o traballo que se está a facer desde a dirección técnica da Axenda Urbana e que se materializará nun documento estratéxico.

Actividades estivais
Por outra banda, e para favorecer a participación, as propostas da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela achegaranse á poboación máis nova durante o presente mes e o vindeiro de xullo. "Dentro dos campamentos de verán municipais desenvolveremos unha actividade de economía circular onde as crianzas poderán deseñar unha microcidade con materiais de refugallo. Tamén desenvolveremos propostas nas que as nenas e nenos poderán deseñar unha escola sostible. E como complemento, estamos a pór en marcha un certame literario e outro artístico", explican desde a organización.

Xa para achegar a Axenda Urbana ao maior número de persoas posible, desenvolveranse propostas nos principais centros socioculturais do municipio. Estas pretenderán, a través da arte, poñer de manifesto aquelas cousas que a poboación quere cambiar da cidade e aqueles aspectos ou servizos que desexan que teña o Santiago do futuro. Unhas achegas que contarán cun espazo onde visibilizalas unha vez finalizadas estas actividades.

Desde a dirección executiva da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela inciden na importancia da participación. "Só deste xeito poderemos elaborar un documento estratéxico de consenso e que realmente resposte ás necesidades da cidadanía", conclúe. Para realizar unha achega, só hai que utilizar o formulario de participación en liña aínda que tamén se poden remitir propostas a través do e-mail axendaurbana2030compostela@gmail.com.

Paralelamente, a poboación pode estar ao tanto das distintas propostas desenvolvidas a través dos diversos perfís da Axenda Urbana nas principais redes sociais (Facebook, Instagram, Twitter e LinkedIn). Unhas canles que tamén procuran a interacción coa cidadanía dun xeito máis directo.

ODS 11
A Axenda Urbana 2030 é un documento no que se establece o marco de referencia estratéxica de Santiago de Compostela para a vindeira década, a elaborar por e para a cidadanía. Esta iniciativa inclúese dentro do proxecto da Axenda Urbana Española. Este documento baséase, á súa vez, na Axenda Urbana das Nacións Unidas e quere converterse nunha panca para acelerar a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en todos os fitos que teñen compoñente territorial e urbano, particularmente no ODS 11, cidades sostibles, inclusivas, seguras e resilientes.

Este proxecto é posible grazas ao financiamento da Unión Europea a través dos Fondos Next Generation EU e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno estatal e da súa Axenda Urbana de España.

Compartir: