ALCALDÍA

O alcalde amosa a súa satisfacción pola aprobación do PXOM no vindeiro pleno ordinario

20/05/2005 Na habitual rolda de prensa dos venres, o alcalde de Santiago expresou a súa satisfacción pola saída a concurso do último edificio da Cidade da Cultura e falou sobre a aprobación inicial do PXOM, prevista para o pleno ordinario que se celebrará o 26 de maio.

Sánchez Bugallo expresou a súa alegría pola saída a concurso do inmoble dedicado ao audiovisual no monte Gaiás, o que, segundo el, reflicte "un claro compromiso coa cidade". Deste xeito, "seis dos edificios principais quedan así en construcción", o que sitúa á Cidade da Cultura "no horizonte temporal do 2010", que ademais coincide co próximo Ano Santo.

O alcalde compostelán referiuse así mesmo ao vindeiro pleno ordinario, que se celebrará o 26 de maio, e que tratará dous puntos esenciais: o Plan de Transporte Comarcal e a aprobación inicial do PXOM. Segundo Bugallo, este plan "parte da propia experiencia de Santiago, pero tamén desde a responsabilidade sobre o crecemento futuro que hai que darlle á cidade para os próximos doce anos", cun periodo de transición de arredor de catro anos mentres se elabora un novo PXOM.

Sánchez Bugallo declarou que "temos a humildade necesaria para saber que é unha previsión pormenorizada e moi traballada, pero previsión, o que non nos pode impedir aproveitar novas oportunidades se presenten". O PXOM, indicou, "nace sen falsas modestias para marcar un antes e un despois en toda Galicia"

A intención do goberno municipal é agotar o prazo máximo que prevé a Lei de Solo de Galicia, é dicir, dous meses, que se completará a maiores cunha exposición específica no Pazo de Fonseca ata o 29 de xullo, aberta en horario de mañá e tarde, co fin de facilitar ao máximo o acceso a este documento por parte dos cidadáns.

O PXOM está composto por 600 planos e 16 tomos de literatura e, ademais de expoñerse no Pazo de Fonseca, estará a disposición na web do Concello, e en formato cd-rom en varias copisterías da cidade para a súa adquisición total ou parcial. Tamén se distribuirán copias entre as asociacións veciñais.

Tras a rolda de prensa, o alcalde de Santiago dirixíase ao consello de Emuvissa, que entre os puntos da orde do día contemplaba sacar a concurso a redacción do proxecto de urbanización do SUP-7 de Pontepedriña, que constará de 664 vivendas protexidas que se comezarán a construír, previsiblemente, no verán de 2006.

Compartir: