BARRIOS E OBRAS

Ábrese parcialmente ao tráfico a rúa de Concheiros, despois das obras de humanización levadas a cabo polo Concello de Santiago

04/06/2022 Este mediodía abriuse parcialmente ao tráfico a rúa de Concheiros, despois das obras de remodelación e humanización levadas a cabo polo Concello de Santiago. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, destacou a normalidade coa que se desenvolveu esta apertura: "a percepción que teño é que funciona moi ben", subliñou.

Durante a visita a Concheiros, o alcalde estivo acompañado dos concelleiros de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños; do de Barrios e Obras, Javier Fernández; e do de Educación, Rubén Prol. O rexedor lembrou que se trata dunha apertura parcial, só ao tráfico "privado", e que se escolleu o sábado por ser un día de pouca circulación. Esta apertura parcial manterase, previsiblemente, durante dúas semanas, co obxectivo de, subliñou Sánchez Bugallo, "acostumar ás persoas usuarias, aos condutores e condutoras e á veciñanza, á utilización da rúa. A continuación abrirase os autobuses".

De xeito paralelo á apertura, explicou o alcalde, estase levando a cabo unha campaña informativa dos cambios de dirección das rúas colindantes a Concheiros, como a rúa do Home Santo. "Unha vez que vexamos que os usuarios habituais se acostuman á nova situación, daremos o paso seguinte que son os autobuses. Mentras tanto iremos vendo como se produce esa confluencia no cruce entre Concheiros e Rodríguez Viguri, porque a nosa preocupación fundamental é a seguridade dos peóns".

O alcalde recoñeceu que foi unha obra "moi complexa", pero o resultando, "paga a pena", e así llo transmitiu a veciñanza. Durante a visita, coincidiron coa portavoz do BNG no Pazo de Raxoi, Goretti Sanmartín.

Compartir: