EIXO ATLÁNTICO

A arte e a cultura das dezaoito cidades do Eixo Atlántico recollida nunha colección literaria

17/04/2007 O Eixo Atlántico presentou no Concello de Santiago de Compostela a colección "Arte e cultura no Eixo Atlántico". Trátase de unha colección singular de libros de alta calidade que recompila por primeira vez toda a arte e a cultura das dezaoito cidades que configuraN o sistema urbano da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal nunha obra única. Esta conxuga o rigor científico e unha esmerada exposición, nunha clara linguaxe comprensible para todo o público.

"Arte e cultura no Eixo Atlántico" consta de doce volumes que ven a luz despois de catro anos de investigación e dun laborioso traballo desenvolvido por un equipo de máis de setenta persoas. Esta obra contén textos elaborados por prestixiosos especialistas galegos e portugueses de cada un dos temas, como Carlos Valle, Alberto Ruíz Samaniego, Juan Monterroso, Teresa Soeiro, Mario Jorge Barroca ou Lucía Rosas, entre outros.

Para acadar unha cohesión total do proxecto contouse cunha codirección galego-portuguesa da obra global, así como cunha coordinación por volume tamén compartida por un especialista galego e outro portugués.

As características comúns, reflectidas dende épocas prehistóricas ata a actualidade entre Galicia e o Norte de Portugal, fan que esta obra poña de manifesto as similitudes que xuntan a Eurorrexión do Eixo Atlántico e que integran e dan cohesión a esta grande área xeográfica, económica e cultural.

Esta colección está promovida polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e creada e editada por Nova Galicia Edicións, quen se encargará da súa comercialización. A elaboración desta colección esta financiada con Fondos Interreg, polo que conta co total apoio da Comisión Europea.

Compartir: