FESTAS

A praza da Quintana acolle mañá o concerto "Los40 Pop" que marca o comezo das Festas da Ascensión

24/05/2022 Despois dun 2020 sen Ascensión e dunha edición reducida no 2021 por mor da pandemia, as festas compostelás por excelencia, arrancarán mañá co tradicional disparo de bombas ás 12:00 e o concerto de "Los40 Pop" que reunirá na praza da Quintana a partir das 21:00 h, figuras do panorama musical actual como as Tanxugueiras, Nil Moliner ou Rayden. As festas extenderanse ata o vindeiro domingo 29, ofrecendo unha gran variedade de actividades para todas as idades e gustos. Ademais, tras dous anos de parón, este ano recuperarase a Festa dos Maiores e a tradicional Feira Cabalar, ambas no Recinto Ferial de Amio.

Tras o tradicional disparo de bombas que anunciará o comezo das Festas da Ascensión, o prato forte desta primeira xornada de festexos será o concerto organizado por Los40 Santiago POP ás 21:00 h na praza da Quintana, que contará coas actuacións de Tanxugueiras, Rayden, Agoney, Twin Melody, Lemot, Dani e Nil Moliner, e será presentado por Tony Aguilar.

Desde mañá ata o domingo, o programa das Festas se completará con citas musicais para todos os gustos: a mítica orquestra París de Noia, o xoves ás 20:00 na praza do Obradoiro; The Sey Sisters, á mesma hora na praza da Quintana; Dios ke te crew o venres ás 22:00 na Sala Capitol, ou Kae Tempes na praza da Quintana o sábado ás 22:00.

As orquestras Miramar e Galilea, distintas corais da cidade e a Banda Municipal de Música de Santiago tamén amenizarán as rúas, e tampouco faltarán as tradicionais alboradas que ambientarán a cidade desde o xoves ata o domingo, en horario de 10 a 12 h. Nas diferentes prazas da vila, cidadáns e visitantes tamén poderán desfrutar das actuacións máis tradicionais cos ciclos "Folk na rúa" e "Escolas de Baile Tradicional", ofrecido polas agrupacións folclóricas da cidade como Cantigas e Agarimos, Ultreia ou Brincadeira, entre outras.

Ademais, pequenos e maiores tamén poderán gozar este ano da tradicional comparsa de cabezudos que fará o percorrido habitual polas rúas do casco histórico compostelá o día grande das festas, o xoves a partir das 12:30.

Feira Cabalar
Tras dous anos de ausencia, esta edición recupera a tradicional Feria Cabalar, que terá lugar o xoves 26 de maio no Recinto Ferial de Amio, e que ofrecerá un amplo programa de actividades a todos os afeccionados ao mundo do cabalo galego, con andaduras, mostras e entrega de premios, e un espectáculo ecuestre de doma.

Con motivo da celebración da Feira, a liña 1 do transporte urbano funcionará entre as 8:00 e as 15:00 h como un día laborable (cada 16 minutos) e durante este horario, todas as viaxes chegarán ata o recinto feiral de Amio.

Festas dos Maiores
Tamén volverá a Festa para as Persoas Maiores na que é xa a súa 23 edición, para que os nosos maiores poidan volver reunirse e desfrutar xuntos dun xantar con sobremesa amenizada pola orquestra Fussión e José Manuel Punzano, a un prezo adaptado a todos os petos de 7,50 euros. Esta xuntanza terá lugar o sábado 28 de maio no Recinto Feiral de Amio, e as entradas estarán dispoñibles ata o 27 de maio no despacho de billetes do Teatro Principal. Para facilitar o acceso, o Concello habilitará un servizo de buses desde a praza de Galicia ata o Recinto Frial de Amio en horario de 12:00 a 14:00 h e de 17:00 h a 19:00 h.

Outra das actividades tradicionais que se repetirá este ano é o torneo da Chave, que acada a súa XLV edición e que se desenvolverá venres e sábado na Alameda compostelá.

Ademais o programa inclúe outras actividades para públicos diversos, como a representación da peza de teatro "Silencio" con Blanca Portillo, que terá lugar no Auditorio de Galicia o xoves 26 ás 20:30, ou o campionato de Freestyle Motocross o sábado 28 ás 19:30 no Multiúsos Fontes do Sar. O Centro Xuvenil Don Bosco acollerá tamén un ciclo de milongas precedido por un curso de tango o sábado a partir das 16:30 h.

Actividades para os máis pequenos
O programa complétase cunha oferta variada para o público familiar con espectáculos de teatro e monicreques para a cativada, que terán lugar na Alameda en horario de 12:00 e 18:00 h, e a obra "Páxaros no cabo" o venres ás 21:00 h no Pavillón das Fontiñas.

Por suposto, durante estes días, a Alameda acolle as populares atraccións para deleite de grandes e pequenos.

Toda información do programa está dispoñible na páxina web municipal e nas redes do Concello.

Direcciones relacionadas



Compartir: