EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música abre o prazo de preinscrición do novo alumnado para o curso 2022-2023

16/05/2022 Finalizado o prazo de renovación de prazas para o alumnado actual, a Escola Municipal de Música vén de publicar os postos vacantes para o curso 2022-2023 e abrir os prazos de preinscrición para o novo alumnado, que poderán presentar a súa solicitude ata o 10 de xuño.

Para solicitar unha praza na EMM, é requisito imprescindible que a persoa estea empadroada no Concello de Santiago ou que curse estudos da ensinanza obrigatoria ou estudos de grao medio, superior ou estudos universitarios en Santiago de Compostela.

Tamén cómpre ter en conta que se no presente curso 2021-2022 o solicitante quedou en situación de lista de agarda, deberá volver presentar a solicitude para o curso 2022-2023.

Proceso de solicitude

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude de preinscrición ben por medios electrónicos a través da sede electrónica do Concello de Santiago (trámite "Inscrición na Escola Municipal de Música") ou de xeito presencial no Rexistro xeral do Concello de Santiago (Rúa do Presidente Salvador Allende 4, Galeras). Os cidadáns poderán obter o seu número ou quenda das 09:00 ás 13:00 horas. Cada quenda permitirá realizar un máximo de dous trámites. No caso de ter que facer máis de dous trámites, os interesados poderán obter os números que precisen.

As persoas interesadas poden descargar o modelo de solicitude da sede do concello, da web da Escola Municipal de Música ou solicitándoa por correo electrónico á EMM: info@emmsantiagodecompostela.com.

Direcciones relacionadas



Compartir: