CASCO HISTÓRICO

Concello, Ministerio de Vivenda e Consellería de Vivenda colaborarán en corenta novas actuacións de rehabilitación e na reurbanización das rúas Trinidade e Carretas

16/04/2007 O Goberno local aprobou a memoria programa para a sinatura da oitava fase do convenio entre a Consellería de Vivenda, o Ministerio de Vivenda e o Concello polo que se financian actuacións de rehabilitación e reurbanización na cidade histórica. Esta colaboración permitirá 40 novas actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas, e a reurbanización das rúas Trinidade e Carretas. En total investiranse 846.666 euros.

Esta oitava fase do convenio centrará as súas actuacións na mellora das condicións de habitabilidade das vivendas situadas nas zonas periféricas da améndoa do Casco Histórico. Así, incrementaranse substancialmente as subvencións dirixidas ao segmento de familias con menor nivel de ingresos. Igualmente, incentivaranse as actuacións de rehabilitación de elementos especiais e de interese arquitectónico, tales como galerías e miradores de madeira, cristaleiras, traballos en forxa ou pedra, motivos decorativos, etc.

Dos 666.666 euros que custarán as corenta actuacións de rehabilitación, o 36% é achegado polo Ministerio de Vivenda, o 30% pola Consellería de Vivenda, e o resto polos particulares.

A este investimento hai que engadir os 180.000 euros que se empregarán para reurbanizar as rúas Trinidade e Carretas. Desta cantidade, o Concello achegará o 40%, e o resto repartirase a partes iguais entre Ministerio e Consellería.

Na Cidade Histórica existen 2.660 edificios e 6.717 vivendas. Excluíndo os edificios cunha soa vivenda, que representan o 44,4% do total de edificios e o 18% do parque de vivendas, a media é de catro vivendas por edificio. O 91% dos edificios non supera as seis vendas e un 44,2% alberga entre dúas e catro vivendas.

Salienta o reducido tamaño das vivendas. Máis do 56% non supera os 70 metros cadrados, só un 23% ten unha superficie superior aos 100 metros cadrados e delas só un 9,4% excede dos 150 metros cadrados.

Axudas para vivendas

Ademais desta memoria, a Xunta de Goberno aprobou inicialmente axudas para 22 vivendas, outra para elementos especiais de madeira e unha máis para o mantemento dun edificio na Praza de Cervantes, 22.

Compartir: