ALCALDÍA

O Concello presentou á convocatoria de axudas PIREP os proxectos de rehabilitación do complexo deportivo de Santa Isabel e do Polideportivo de Vite

29/04/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta, en rolda de prensa, das dúas propostas que o Concello presentou ao "Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) Local – Liña 1 - 2022": a rehabilitación do complexo deportivo de Santa Isabel e a do polideportivo municipal de Vite. Escolléronse, sinalou, por dúas razóns: porque o "investimento mínimo ten que ser de medio millón de euros" e porque son "dúas instalacións públicas cun gran uso e unha gran demanda".

A solicitude de rehabilitación de Santa Isabel contempla actuacións por un importe estimado, segundo sinalou o rexedor, de 2.975.902 euros; sobre os que se pide "unha subvención de 2.371.000 euros; e a aportación que realizaría o concello sería duns 604.000 euros". A proposta contempla intervencións sobre a totalidade do edificio, realizando melloras de eficiencia enerxética, sustentabilidade, accesibilidade, habitalidade, seguridade, e de conservación.

A actuación consistiría na mellora da envolvente térmica da fachada e a cuberta, aplicando novos revestimentos que incorporen illamento térmico. Complétase a intervención na envolvente coa substitución das carpintarías actuais, metálicas e sen rpt, así como dos óculos das fachadas. Tamén contempla a mellora do sistema de ventilación, a substitución das luminarias actuais por outras de tecnoloxía LED ademais da instalación de paneis fotovoltaicas para autoconsumo para reducir o consumo enerxético do edificio; e mellora da accesibilidade mediante unha intervención que afectaría ao acceso xeral ao complexo.

No interior, interviríase, segundo explicou o alcalde, sobre duchas, inodoros, e sobre a piscina, con actuacións tamén en materia de prevención de incendios. Sánchez Bugallo lembro que, sobre o complexo deportivo de Santa Isabel, construido en 1983 e que alberga unha piscina, un centro deportivo e un polideportivo; non se realizaron ata o de agora actuacións de renovación de importancia.

A solicitude de rehabilitación do polideportivo municipal de Vite contempla actuacións por un importe estimado, segundo sinalou Sánchez Bugallo, de 1.325.276 euros; sobre os que se pide "unha subvención de 979.000 euros. A aportación que realizaría o concello "sería duns 645.000 euros".

A actuación, segundo sinalou o rexedor, contempla o cambio da cuberta exterior, o tellado, todos os elementos de impermeabilización, de luz, de auga, servizos, etc." Na actualidade, o pavillón atópase altamente degradado presentando numerosas fendas e tamén problemas de filtracións.

Trátase dun edificio con forma de paralelepípedo semienterrado, de grandes dimensións, cunha imaxe dura, pesada e pouco permeable. Por este motivo, proxéctase unha nova envolvente, máis lixeira e permeable, sobre a que se practican unha serie de ocos, a fin de introducir a luz natural. Así mesmo, decídese illar polo exterior a cuberta e realizar unha impermeabilización en doble capa, renovando canalóns e baixantes.

O alcalde informou que as dúas solicitudes xa están presentadas, e que "cumpren os requisitos" da convocatoria do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana. "Esperemos ver atendida a nosa petición", finalizou. "Dou por seguro que sí, aínda que outra cousa distinta é si se vai conceder nos termos exactos que a pedimos. As axudas solicitadas acadan 3,3 millóns de euros,que non é unha cifra pequena". Á liña 1 do PIREP, para "edificios a rehabilitar cuxa recepción de obra, sen observacións nin reparos, teña lugar como máximo o 30 de setembro de 2024", o Ministerio destina, para todo o territorio español, 250 millóns de euros.

Compartir: