MEDIO RURAL

O Concello instalará 45 ordenadores nos Centros Socioculturais do Rural

07/05/2022 No marco do Plan de Obras e Servizos (POS+) da Deputación da Coruña correspondente ao ano 2020, o Concello dotará a oito Centros Socioculturais do ámbito rural compostelán con 45 equipamentos informáticos para o seu uso público.

A Rede de Centros Socioculturais do Rural recibirá nas próxima semanas un total de 45 ordenadores de sobremesa e monitores para reforzar o servizo ofrecido ás súas usuarias e usuarios. Os equipamentos serán distribuídos de tal maneira: 8 para o CSC de Grixoa, 8 para o CSC de Nemenzo, 8 para o CSC de Busto, 8 para o CSC de Verdía, 4 para o CSC de Marantes, 3 para o CSC de Enfesta, 3 para o CSC de Santa Cristina de Fecha e 3 para o CSC de Figueiras.

A subministración, instalación, configuración e posta en marcha destes equipamentos será levado a cabo pola empresa Micromedia S.L., que resultou a gañadora da licitación por ter ofrecido a proposta máis vantaxosa, e que foi aprobado pola Xunta de Goberno celebrada o pasado 11 de abril. O orzamento asignado a esta adxudicación é de 28.109,51 € e o contrato terá unha duración de dous meses.

Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan de Obras e Servizos (POS+), co que a Deputación da Coruña vén achegando fondos para financiar iniciativas a nivel municipal en toda a provincia desde o 2017.

Compartir: