CONSORCIO

O Consorcio de Santiago pon á disposición da cidadanía o cemiterio da Orde Terceira Franciscana

21/04/2022 Esta mañá, o alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou o cemiterio da Orde Terceira Franciscana, situado xunto á capela do mesmo nome, no campiño de San Francisco, tralos traballos de recuperación desenvolvidos dende o ente interadministrativo. No acto, tamén estiveron presentes a xerente do Consorcio, Belén Hernández, e os arquitectos Lourdes Pérez e Xosé Allegue, directora da oficina técnica do Consorcio de Santiago e responsable do proxecto, respectivamente.

O camposanto, que data do ano 1846, está aberto ao público os xoves, sábados e domingos, en horario de 12h a 14h. Trátase dun recuncho apenas coñecido da cidade que agora pode ser visitado pola cidadanía e que alberga os enterramentos de varias e coñecidas familias compostelás.

Os traballos de rehabilitación do cemiterio consistiron no acondicionamento e limpeza de todo o espazo, para que volvese ser accesible, así como a restauración da reixa de acceso, demolición dos tabiques laterais de ladrillo e a restauración da carpintería de acceso á sacristía.

Ademais, houbo unha mellora no pavimento, co emprego de lousas vellas con xuntas abertas para facilitar o crecemento da herba. Tamén se eliminou a vexetación que estaba a danar o edificio. A intervención foi realizada por Obras Gallaecia S.L. por un importe de 40.979,90€.

Dous séculos de historia
Entre os elementos singulares que poderemos atopar no cemiterio da Orde Terceira está un interesante monumento funerario, que conta cunhas placas funerarias en bronce, obra do gravador, pintor e artesán de comezos do século XIX Cayetano Jordán, quen destacou como gran broncista e foi o autor da lápida sepulcral do deán Andrés Acuña y Malvar no claustro da Catedral de Santiago.

Anexo ao cemiterio tamén se atopa a Capela da Orde Terceira Seglar Franciscana de Santiago, obra do recoñecido arquitecto barroco Domingo de Andrade.

Compartir: