VECIÑOS

O alcalde anuncia a reurbanización da Travesía do Romaño

15/04/2007 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo un encontro o domingo ao mediodía cos veciños do Romaño para escoitar as súas propostas e anunciarlles os proxectos que o Concello ten previsto desenvolver na parroquia.

O alcalde comezou a visita cun percorrido polas distintas actuacións que se teñen feito na parroquia do Romaño, onde o Concello ven de rematar un proxecto de canalización de pluviais no lugar da Torreira e na Rúa dos Cabalos. En materia de infraestruturas, fixéronse obras na pista de Casal D'Horta e Montes, no camiño de Montes (lateral coa Rocha), no camiño do Romaño hasta Río (á altura de Pitty Casa), na pista de Mareca (pasada a Ponte Muro), na pista de Vilar, no tramo final da pista do Torreiro de Arriba e na pista de Montes a Queiroal (Zahorras).

A continuación, no local social da parroquia, Sánchez Bugallo escoitou unha lista de necesidades propostas pola asociación de veciños. Neste sentido, Bugallo anunciou que o Concello está firmará proximamente un convenio co Política Territorial para arranxar a travesía principal que atravesa a parroquia, desde a ponte do Romaño ata a Alameda da zona. As obras de reurbanización inclúen tamén unha canalización de pluviais que axudará a corrixir os problemas ocasionados polas trombas de auga. As obras executaranse durante os próximos catro anos, de 2007 a 2010.

Bugallo tamén se comprometeu a atopar unha solución para as inundacións que se producen na Rúa da Torreira. A actuación nesta zona é complexa porque o ancho da rúa é pequeno e as edificacións teñen un desnivel moi grande que provoca a entrada de auga nas vivendas. O Concello encargará un proxecto técnico que servirá para avaliar os custes da obra e fixar despois un prazo para levala a cabo.

Por último, o alcalde asegurou que se van rematar as obras de acondicionamento da rúa Casal D´Horta, e que se vai encargar un estudo para ver onde se podería construír un novo centro sociocultural máis amplo e mellor dotado, que dea cabida ás demandas dos veciños do Romaño. A este respecto sinalou que a cidade conta xa con 42 centros socioculturais, unha cifra que non acada ningunha outra cidade con menos de cen mil habitantes en España.

Compartir: