ALCALDÍA

O Tribunal Supremo admite a trámite os dous recursos do Concello para recuperar as estatuas do Mestre Mateo

08/04/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, amosou a súa satisfacción por esta nova "inesperada" que abre unha porta para que o Concello poida recuperar a titularidade pública das estatuas do Mestre Mateo. Os dous recursos aceptados a trámite foron presentados en 2020 contra a sentenza da Audiencia de Madrid que recoñecía á familia Franco a propiedade destas dúas pezas do Pórtico da Gloria.

O alcalde de Santiago anunciou hoxe en rolda de prensa que o Tribunal Supremo vén de admitir a trámite os dous recursos de casación e de infracción procesal presentados polo Concello o pasado 23 de xaneiro de 2020, o que permite a apertura de dous novos procedementos para a achega de documentación nun prazo de 20 días. Segundo o alcalde, unha nova coa que "non se pode cantar victoria pero que entreabre unha porta que parecía pechada" para reparar a "tremenda inxustiza da sentenza da Audiencia Provincial de Madrid que recoñece a propiedade das estatuas á familia Franco a pesar de que non puido acreditar en ningún momento a adquisición das obras".

Pola contra, este novo trámite procesal permitirá ao Concello facer entrega á xustiza por primeira vez en todo o proceso, das escrituras que demostran "a compra das esculturas por parte do Pazo de Raxoi no ano 1948 por un valor de 60.000 pesetas". O rexedor amosou a súa confianza en que "o Tribunal Supremo aprecie a nova documentación achegada e revise unha sentenza claramente inxusta" e que se poidan recuperar as obras para converterse en "patrimonio de todos os cidadáns e de todos os galegos". En todo caso, anunciou que a Corporación Municipal "seguirá pelexando ata onde se poida".

Ben de Interese Cultural
As estatuas de Abraham e Isaac forman parte dun conxunto de nove esculturas atribuídas ao Mestre Mateo procedentes da desaparecida portada occidental da Catedral de Santiago de Compostela. Foron declaradas Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia o pasado ano 2019 como parte do compromiso coa súa recuperación para o dominio público.

O alcalde recordou que as estatuas foron adquiridas polo Concello de Santiago en 1948 e que logo desapareceron sobre os anos 1955-1956 "sen que conste ningunha proba escrita da cesión, doazón ou venda das pezas", para aparecer posteriormente no Pazo de Meirás como propiedade privativa da Familia Franco, "sen que exista ningún procedemento documentado para tal cambio". Anos atrás o Concello ofreceu á familia do dictador a posibilidade de ceder as estatuas ao Museo da Catedral, proposta que non foi aceptada polo actuais propietarios.

Polígono da Sionlla
Na rolda de prensa, o alcalde tamén salientou o compromiso amosado esta semana pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, coa proposta do Concello de ampliar o Parque Empresarial da Sionlla a través da incorporación do SUND29. Xosé S. Bugallo espera que este novo solo, que cubre os terreos do arco delimitado pola autovía de Lavacolla e polo novo Orbital, "poida estar dispoñible dentro de tres anos, cando se esgote o polígono actual".

Ampliación do Hospital Clínico O alcalde tamén se amosou satisfeito co visto bo por parte da Comisión superior de Urbanismo da ampliación do Hospital Clínico de Santiago e instou a que "este tema poida ir canto antes ao Consello da Xunta para que poidan licitarse estas obras que son tan necesarias" así como a "pechar o convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Consellería de Sanidade para poñer en marcha as medidas necesarias para facilitar a accesibilidade e o mellor funcionamento deste recinto".

Compartir: