XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba a modificación inicial do proxecto de urbanización do SUP 1 en Romero Donallo e a adxudicación de varias obras no rural compostelán

28/03/2022 A Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente a modificación do Proxecto de urbanización do SUP-1 (Romero Donallo), segundo o proxecto presentado o 21.01.2022 polo Presidente da Xunta de Compensación. Tamén deu luz verde a adxudicación de catro actuacións no rural compostelán, por un importe total de 644.749,41. Dos acordos adoptados informou, en rolda de prensa, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Os traballos de execución material da urbanización do SUP-1 (Romero Donallo) inicíaronse en abril de 2013. En 2014, cando estaban realizadas practicamente o 30% das actuacións, a execución foi interrompida, e as obras paralizáronse ata a actualidade. A adaptación do "Proxecto de Urbanización do SUP-1 de Romero Donallo", aprobada hoxe inclúe o acondicionamento dos terreos denominados ZN-1 (espazo elevado destinado a zona verde entre o Instituto Eduardo Pondal e a Avenida de Ferrol) e ZN-2 (espazo baixo o viaduto da SC-20) ambos adxacentes ao ámbito, en substitución da realización das obras xa executadas na Avenida de Romero Donallo por axentes externos.

Tamén contempla a adaptación á topografía existente, e incorpora as determinacións da recente normativa de accesibilidade no espazo público urbanizado, adaptando trazado e rasantes dos diferentes itinerarios peonís. Incorpora, ademais, criterios medioambientais na definición das plantacións, no tratamento e infiltración da auga de chuvia, e no respecto polos regos de auga que proveñen dos mananciais naturais adxacentes correspondentes ás fontes e ao lavadoiro de Cornes.

Por outra banda, esta modificación evita romper co xa urbanizado (beirarrúas e redes de servizos) sobre a Avenida de Romero Donallo, propondo trazados alternativos das redes de servizos polos espazos a acondicionar diante das fachadas traseiras dos edificios, conseguindo igualmente dar servizo a todas as edificacións futuras.

Unha vez aprobado, o proxecto someterase a información pública durante o prazo dun mes. Simultaneamente, practicarase notificación persoal a todos os titulares de terreos afectados, segundo figuran no Catastro. Durante o trámite de información pública, tamén se dará traslado do proxecto ás empresas subministradoras de servizos, para os efectos de que formulen as observacións que estime pertinentes.

Na reunión do executivo municipal tamén se deu conta da constitución da Xunta de Compensación no ámbito do AEI-E (a) do PERI-2, en Conxo de Arriba.

Ademais o goberno municipal adxudicou catro obras do departamento de Medio Rural, todas elas enmarcadas no POS + (Plan de Obras e Servizos. Plan único de Concellos) da Deputación da Coruña. Contan cun orzamento total de execución de 644.749,41 euros, IVE incluido.

As actuacións adxudicadas son a "Posta en valor do entorno residencial (Camiño Inglés) e acceso ao conxunto parroquial da Barciela"; o "Acondicionamento do Camiño de Fisterra en Vilariño de Abaixo (Quintáns-Villestro)", a "Ampliación da rede de abastecemento en Piñeiro de Enfesta, Frades e Gunín (Enfesta)"; e a "Mellora do vial dende o entorno da N-550 en Barciela ata Casas de Arriba en Cesar: tramo da igrexa de San Andrés de Barciela ata cruce de Candelabeira".

Solicitudes de subvención
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a solicitude de subvención á Consellería de Política Social para o Plan Concertado de Servizos Sociais Comunitarios Específicos: Escolas infantís municipais para o ano 2022; así como o compromiso do Concello de Santiago para cofinanciar o mantemento e o desenvolvemento das escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños, con categoría de servizos sociais comunitarios específicos, e que contan con 245 prazas a xornada completa.

A consignación inicial no orzamento 2022 para a xestión das Escolas Infantís Municipais é de 1.159.806,69 euros. A solicitude de financiamento á Consellería de Política Social é do 70% do custe total: 811.864,68 euros. O resto, 347.942,01 euros, sería a achega do Concello de Santiago.

Tamén se aprobou a solicitude de transferencia finalista para o confinanciamento dos servizos sociais comunitarios básicos, para o ano 2022, por unha contía de 2.298.231 euros; sobre un orzamento total de 4.456.275,52 euros. De concederse, tería unha achega municipal de 2.158.044,52 euros, o que supón unha porcentaxe do 48,43 % sobre o orzamento total. Esta contía destinarase ao persoal de atención primaria (776.227,44 euros, dos que 554.218,44 son de achega municipal), e outros 3.680.048,08 euros ao SAF, o Servizo de Axuda no Fogar: 362.054.29 euros para o "Programa básico de axuda no fogar", dos que 312.054,29 corresponden a achegas municipais; e 3.317.993,79 euros para o "Programa de axuda no fogar para persoas dependentes valoradas", dos que 1.291.771,79 son aportados polo Concello de Santiago.

Outros acordos
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobaron 27 solicitudes de renovación da autorización de venda ambulante do mercado de Salgueiriños para 2022.

Tamén se aprobou a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto, do expediente denominado "Servizos de estudo sobre a memoria do barrio (lote 1)" e do "Servizo de análise da madurez comercial dos barrios de Compostela e das dificultades individuais de acceso ao emprendemento entre colectivos máis sensibles (Lote 2)" no marco do proxecto EDUSI "Revive Santiago", cofinanciado nun 80% con fondos FEDER. Establécese un tipo de licitación de 66.538,55 euros, desglosados nos seguintes lotes: 15.255,51 o lote 1; e 51.283,04 o lote 2.

Peleteiro
O alcalde tamén se referiu na rolda de prensa á xuntanza que mantivo esta mañá con diferentes asociacións por mor do proxecto para o espazo anteriormente ocupado polo colexio Peleteiro. "Vexo que hai unha actitude moi positiva por parte do tecido asociativo", indicou o rexedor, "que quero recoñecer e agradecer". Sánchez Bugallo agarda que "a Corporación responda a esa demanda social" e que o proxecto, que require ser aprobado en pleno por maioría absoluta, se poida desbloquear.

Esta xuntanza, á que asisitiu a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, así como representantes das asociacións Agadea, Raigame, Em-Rede, Punto Compostela, Santiago Centro e Hostalería Compostela, celebrouse na véspera do encontro da Comisión Mixta de Peleteiro, da que forman parte todos os grupos municipais, e que terá lugar mañá martes no Salón Verde do Pazo de Raxoi.

Compartir: