ACCION CULTURAL

Compostela lembra Andrés Cisneros, pioneiro da fotografía, cunha placa no lugar onde abriu o seu estudo, un dos primeiros de España

26/03/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o foto-historiador compostelá, Carlos Castelao; e o editor Henrique Alvarellos, descubiron hoxe unha placa no número 18 da Rúa Nova, en memoria de Andrés M. Cisneros Pereiro, pioneiro da fotografía galega e española.

Desde 1855, Andrés M. Cisneros (Santiago, 1820-A Coruña, 1895), exerceu en Compostela como retratista ao óleo e miniaturista. Foi no número 18 da Rúa Nova, onde abriu a súa galería fotográfica, a primeira de Santiago e unha das primeiras de España, segundo destacaba Henrique Alvarellos.

O alcalde Sánchez Bugallo destacou a iniciativa, coa que se rende memoria a Cisneros, autor tamén, das primeiras fotografías que se conservan de Santiago de Compostela, unha serie de postais do ano 1858, parte das cales formarían parte dun álbum de agasallo á raiña Isabel II, que en setembro de 1858 visitou Galicia.

Cando Cisnerios abriu o seu estudo, a fotografía levaba pouco máis dunha década inventada, polo que estas postais situaría a Compostela entre as cidades de Galicia e España pioneiras na arte da fotografía. Foi o primeiro fotógrafo con estudo propio, segundo explica Carlos Castelao no seu libro "As orixes da fotografía en Galicia. Estudios composteláns do XIX", publicado por el Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora.

Por iso será dese punto da Rúa Nova, 18, de onde sairá o roteiro de fotografía que está deseñando o Concello de Santiago. Este roteiro percorrerá os espazos máis emblemáticos da historia da fotografía en Compostela, entre eles o lugar, na rúa do Hórreo, onde se atopaba o estudo da zaragozá María Cardarelly, fotógrafa de Rosalía de Castro; onde segundo avanzou a concelleira Mercedes Rosón, tamén está previsto colocar unha placa na súa memoria.

Na súa intervención, Carlos Castelao, que defininiu a Compostela como a capital da fotografía, agradeceu o compromiso de Concello de Santiago con esta arte, plasmado recordou, nese acordo plenario para crear un Centro Nacional de Fotografía, que, segundo lembrou Mercedes Rosón, tamén é unha demanda a nivel estatal.

A placa está situada sobre a residencia de estudantes das Irmáns de Cristo Rei, a quen Rosón agradeceu a súa disposición e colaboración para que na fachada dese edficio lucise a placa en memoria de Cisneros.

Ao acto tamén asistiron a concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; a edil de Compostela Aberta, Branca Novoneyra; a portavoz do BNG local, Goretti Sanmartín; e a vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada.

Compartir: