ALCALDÍA

UNINOVA recibe a encarga de pór en marcha a oficina técnica do proxecto da plataforma loxística de distribución de mercadorías no casco histórico

25/03/2022 Uninova (Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras, S.L), da que o Concello de Santiago é socio maioritario cun 80% das accións, recibiu hoxe a encarga da posta en marcha da Oficina Técnica para o proxecto da "Plataforma loxística de distribucion de mercadorías no casco histórico de Compostela". Confirmouno o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, na rolda de prensa de hoxe, comparecencia que tivo lugar despois da reunión do Consello de Administración deste organismo.

Isto, explicou o rexedor, permitirá ao Concello "dotarse dun instrumento imprescindible para cumprir os prazos" de execución do proxecto que ten concedida, lembrou, unha axuda provisional, por parte do Ministerio de Transportes, de 3.913.920 euros procedentes dos fondos europeos Next Generation.

Sánchez Bugallo subliñou que o 30 de abril ten que "estar feita a xestión do proxecto e o 30 de novembro" ten que estar realizada a contratación "de aló menos o 60% da obra prevista. Son prazos incumpribles desde o punto de vista do procedimento administrativo". Pero, "grazas a esta encarga de xestión", engadiu, "poderíamos cumprir perfectamente ese primeiro prazo, e poderemos licitar a través de UNINOVA" a contratación, "e telo resolto antes do 30 de novembro".

Trátase, continuou, "dun proxecto ambicioso e complexo", comparado cos de outras cidades. "Apostamos por darlle solución a un problema do que vimos falando desde hai 30 anos". Resolvelo, continuou, é "imprescindible para a preservación" da Cidade Histórica, "para facer compatible o uso peonil co mantemento dos servizos no casco histórico", e a conservación do patrimonio, engadiu Sánchez Bugallo.

No encontro, tamén aprobaron os tarifarios de UNINOVA para os servizos de acompañamento na implantación do "Living Lab Mobilidade Sostible" e "Living Lab Última Milla" do proxecto municipal Smartiago, íntimamente relacionados con "esa distribución de última milla", sinalou o rexedor, que contará, avanzou "cunha infraestrutura tecnolóxica" pioneira a nivel estatal. Relacionado con este tema, Sánchez Bugallo avanzou que "se están buscando socios tecnolóxicos que nos poidan aportar experiencia, coñecemento, e capacidade de xestión para a posta en marcha desta iniciativa", e que ten previsto comparecer en pleno o 28 de abril.

Por outra banda, lembrou que "unha sociedade como UNINOVA", con esta encarga, "vai ver ampliado o seu ámbito de actuación. Vaise ver reforzada; e permítenos ir completando o seu perfil". Un perfil cunha pata destacada, "ser un instrumento para a captación de investimentos e para o acompañamento ás empresas que se vaian instalar en Santiago. Iremos pouco a pouco avanzando nesa dirección".

Outros asuntos
Por outra banda, Sánchez Bugallo, agradeceu o posicionamento "de todas as asociacións comerciais (Comercio Punto Compostela, Fundación Santiago Centro, Em Rede), das dúas asociacións de hostalería (hostalaria.gal e Asociación Hostalería Compostela), así como doutras entidades, polo apoio para sacar adiante o proxecto Peleteiro.

Sánchez Bugallo tamén adiantou que o 31 de marzo, será recibido polo Rei de España, Felipe VI, no Palacio da Zarzuela, xunto ao resto de alcaldes das urbes que conforman o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. O pleno prevista para ese día celebrarase o martes, 5 de abril, unha decisión sinalou, aceptada polos demáis grupos municipais, aos que agredeceu a súa posición.

Sobre a folga de transportes, o alcalde amosou a súa preocupación polas repercusións que está tendo sobre as empresas e espera que "co que se acordou onte e o que se poida facer no futuro", "vaia camiño dunha solución e non se agrave".

Compartir: