TURISMO

Santiago, destino destacado na Guía de Boas Prácticas en Patrimonio Cultural da Rede DTI

26/03/2022 Unha análise de 40 boas prácticas en patrimonio cultural para Destinos Intelixentes pon como exemplo a Turismo de Santiago no eido da dixitalización e adopción de novas tecnoloxías.

O traballo realizado por Turismo de Santiago no marco do Proxecto BODAH é un dos protagonistas da Guía de Boas Prácticas en Patrimonio Cultural da Rede de Destinos Intelixentes. Este documento da Rede DTI analiza iniciativas de 40 destinos nacionais e internacionais que están a acelerar a súa transformación a través das novas tecnoloxías.

Concretamente, a guía salienta o labor realizado por Turismo de Santiago na utilización de ferramentas de análise de datos sobre os fluxos de visitantes. Neste senso, a guía destaca os estudos realizados dende a capital galega como líder do proxecto BODAH cos que Compostela pode entender mellor o comportamento dos visitantes para facilitar a súa xestión e lograr un turismo sostible.

Esta guía, que pode descargarse na web de SEGITTUR, foi elaborada polo grupo de traballo de Patrimonio Cultural da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, que promove o diálogo e a participación en torno e un tipo de turismo que amosou unha especial capacidade de recuperación no escenario post-pandemia.

Liderado polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e coordinado pola Fundación Santa María La Real, este grupo de traballo identificou os grandes retos de futuro para o turismo patrimonial. Estes retos serviron para clasificar as boas prácticas que ademais están categorizadas por tipoloxías: adopción de novas tecnoloxías, ferramentas de información e promoción, dixitalización de recursos e servizos, medidas de seguridade e hixiene e actuacións exclusivas en espazos pechados.

Compartir: