DEPORTES

Santiago acolle esta fin de semana tres campionatos de España de loitas olímpicas

25/03/2022 Máis de 500 deportistas participarán este sábado 26 e domingo 27 de marzo, nos tres campionatos de España de loita nas modalidades olímpicas de loita feminina, loita libre olímpica e loita grecorromana. Os torneos, que se desenvolverán no pavillón municipal de Santa Isabel, foron presentados esta mañá en rolda de prensa polo concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, e por José Luis Olazábal, presidente da Federación Galega de Loita e disciplinas asociadas.

Os tres campionatos, organizados pola Federación Galega de Loita en colaboración co concello de Santiago, a Secretaría Xeral para o Deporte de España, a Federación Española de Luchas Olímpicas, o Club de Loita Stellae e distintos patrocinadores privados, son:

- Campionato de España escolar U-15 de loitas olímpicas.
- Campionato de España cadete U-17 de loitas olímpicas.
- Campionato de España U-23 de loitas olímpicas.

Os campionatos de España U-15 e U-17, están dentro do CESA (Campeonatos de España de Selecciones Autonómicas: Campeonatos de España en Edad Escolar), presididos pola Raíña Dona Letizia Ortiz Rocasolano.

A concelleiro destacou o alto número de inscricións nos tres campionatos, 512, cos mellores deportistas nacionais desta modalidade, procedentes de 15 comunidades autónomas. Gonzalo Muíños lembrou que a competición deixará esta fin de semana "unha estimación de máis de 120.000 euros que revertirán na cidade, especialmente no sector hosteleiro e de servizos, o que é moi importante nestes momentos".

Nesta edición, o público poderá acceder o pavillón, para gozar do evento máis numeroso de todos os organizados a nivel nacional. Outro ano mais, a competición poderá seguirse online en tempo real, a través da plataforma SCORIZER da Federación Española.

Campionatos
Estes tres campionatos serán unha proba selectiva para participar nos campionatos de Europa e do Mundo deste ano.

A competición desenvolverase no pavillón municipal de Santa Isabel en tres períodos de tempo diferenciados, para separar os deportistas. O sábado 26, de 10:00 h a 14:00 h, terá lugar o campionato de España Escolar. Xa pola tarde, de 16:00 h a 20:00 h, desenvolverase o campionato de España cadete. E o domingo, 27, de 10:00 h a 14:00 h, o campionato de España U-23, que son os que pasarán á selección absoluta.

As adestradoras e adestradores nacionais estarán moi pendentes dos resultados dos/as deportistas para confeccionar as diferentes seleccións españolas, de cara as vindeiras citas continentais e mundiais. Destaca o aumento no número de deportistas femininas que compiten, sendo Galicia Galicia un dos referentes a nivel nacional no deporte feminino.

Tres dos árbitros convocados polo Colexios Nacional de Xuíces Árbitros, pertencen ao colexio galego. Ademais, Galicia presenta a cinco mulleres árbitros para o ascenso a categoría nacional.

Direcciones relacionadas



Compartir: