ALCALDÍA

O alcalde reúnese coa asociación hostalaria.gal

24/03/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; acompañado do concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, reuniuse hoxe cunha representación da asociación hostalaria.gal. Unha xuntanza na que a entidade, presidida por Lois López, se presentou oficialmente. Ao remate, o rexedor amosou a súa intención de, a partir de abril, retomar as reunións periódicas coas asociacións de hostalería e as de comerciantes, "unha vez coñecido o novo escenario presupostario" para, sinalou, "empezar a pór en marcha" as iniciativas de colaboración "que se consideren máis acertadas".

O alcalde recordou que desde o inicio da pandemia, "vimos colaborando co sector da hostalería, de forma moi intensa". Axudas desde o punto fiscal, como a suspensión da taxa de terrazas, ou a autorización da ampliación do espazo de terrazas, "ocupando incluso prazas de estacionamento para facilitar o funcionamento da hostalería nun momento en que o uso interior dos locais estaba limitado". Ou habilitando, lembrou, "un programa de axudas directas sen precedentes". Isto é recoñecido polas propias asociacións, indicou Sánchez Bugallo, e tamén por hostalería.gal.

Este ano, continuou, tamén haberá colaboración. "En relación ás terrazas, o decreto seguirá en vigor ata o 30 de abril". E, unha vez se aprobe a liquidación do orzamento, engadiu o alcalde, "queremos facer unha nova convocatoria de bonos, que deron un resultado fantástico na primeira edición, recoñecido por todos os sectores". E, subliñou, "tamén nos gustaría facer unha convocatoria de axudas directas, pero todo isto vai estar marcado dentro das posibilidades presupostarias coas que poidamos contar".

Compartir: