TURISMO

Máis de 300 cidades dos cinco continentes exporán a Alfombra Floral do Xacobeo 2022, no que é o maior evento da historia a escala mundial nesta arte efémera

24/03/2022 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, acompañado polo presidente da Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago, Miguel A. García Correa, presentaron esta mañá en rolda de prensa, a imaxe da alfombra floral do Xacobeo 2022, deseñada por Antonio Cunha, que será exposta o 25 de xullo en Santiago e en máis de 300 cidades de todo o mundo. O obxectivo é facer unha homenaxe a escala mundial ao Camiño de Santiago no día grande do Apóstolo, a través desta arte efémera de gran presenza en Galicia.

Impulsada pola Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago, esta iniciativa constituirá o evento de exposición de alfombras florais máis grande celebrado ata o día de hoxe. Polo momento rexistráronse máis de 300 cidades, das cales 105 son españolas (30 galegas), 74 italianas, 28 da India, 22 de México, 15 de Portugal e o resto repartidas polos cinco continentes.

Deste xeito, o día 25 xullo, co gallo da festividade do Apóstolo, exhibirase en Santiago, nunha localización aínda por concretar, unha alfombra co deseño escollido dun tamaño de oito por oito metros. O mesmo día, todas as vilas inscritas na iniciativa, exporán unha versión da alfombra que terá como base o deseño orixinal, pero que será elaborada seguindo a súa propia técnica e estilo, e na que terán que incluír o nome da cidade participante e os quilómetros que a separan de Compostela. Para o concelleiro Sindo Guinarte, "unha ocasión extraordinaria para realzar máis aínda o atractivo patrimonial da cidade", e unha maneira de "tomar conciencia da universalidade de Santiago como destino de peregrinación".

O deseño, seleccionado por votación de toda a comunidade de alfombristas, é creación do portugués Antonio Cunha de Setúbal e inclúe a Cruz de Santiago como o faro que guía aos peregrinos cara a poñente. Ademais, a alfombra é unha alegoría das vidreiras que se poden atopar na igrexas e catedrais ao longo do camiño a Santiago.

Alfombra mundial do Xacobeo 2021
Coa intención de impulsar o Xacobeo do 2021-22 creouse a Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago, formada inicialmente por alfombristas de Bueu, Gondomar, Tui, Redondela, Ponteareas e os asturianos de Castropol.

Esta Comisión Xestora, con sede en Ponteareas, ten como obxectivo principal todas aquelas actividades dirixidas á promoción do Camiño de Santiago e do patrimonio material e inmaterial vinculado a este a través da difusión da arte efémera das alfombras florais.

Xa o ano pasado, a comisión logrou incluír esta expresión artística na celebración do Xacobeo, concretamente nos seus días grandes, o 24 e 25 de xullo, mediante a elaboración da Alfombra Mundial do Xacobeo 2021 que controu coa participación de 5.000 alfombristas de 260 cidades dos cinco continentes.

O deseño escollido foi do Miguel Ángel Lagoa Villalobos, alfombrista de Chinchón, nunha votación a escala mundial que tivo lugar durante o primeiro confinamento por mor da pandemia.

Compartir: