MOCIDADE

Máis de 1100 alumnos participaron na campaña lanzada polo Concello para previr os riscos asociados aos xogos de azar entre os máis mozos

24/03/2022 O concelleiro de Mocidade, Rubén Prol, acompañado por Ramón Molina, educador social de Arelar, deu conta esta mañá en rolda de prensa dos resultados da campaña "Vas picar? Mocidade libre de apostas" para a prevención das adiccións aos xogos de apostas, iniciada polo Concello o pasado 29 de outubro.

Un total de 1112 alumnas e alumnos dos cursos de 3º e 4º da ESO participaron nos 48 obradoiros desenvolvidos no último trimestre do 2021 no marco da campaña "Vas Picar?, Mocidade libre de apostas". Esta iniciativa, impulsada pola Concellería de Mocidade e realizada por Arelar, contou co apoio dun total de 20 entidades de carácter social, deportivo ou cultural da cidade.

Durante a rolda, o concelleiro Rubén Prol recordou que "os datos en torno á problemática do xogo son cada vez máis preocupantes, chegando a constituír unha práctica de ocio plenamente integrada nun sector da mocidade, de ahí a necesidade de que dende as diferentes administracións desenvolvamos actuacións como a que vimos de levar a cabo".

Así, a campaña centrouse nos grupos de 3º e 4º de ESO, xa que se considerou a franxa entre os 14 e 15 anos como a idónea para desenvolver un traballo preventivo eficaz. A resposta por parte dos centros foi moi positiva, sendo oito centros educativos os que solicitaron os obradoiros: IES xelmirez I, IES Xelmirez II, IES Rosalía de Castro, IES Sar, IES Pontepedriña, IES Eduardo Pondal, IES Lamas de Abade e Colexio La Salle.

Ademais da realización dos talleres, a campaña centrouse tamén na sensibilización a través das redes sociais, sendo o propio alumnado o que se encargou de escoller a mensaxe e as imaxe dalgunha cinco carteis que logo se compartiron a través das contas de Facebook e Instagram e que acadaron un gran número de interaccións.

Adicción ao xogo entre os máis mozos
A adicción ao xogo por parte de menores de idade constitúe cada vez un problema de maior envergadura cun impacto moi relevante no desenvolvemento social, e persoal da mocidade. Así, os datos reflicten o progresivo aumento de mozos e mozas que teñen experiencias co xogo tanto a través de apostas ou sen apostas monetarias.

Ámbolos tipos de xogo poden dar lugar a hábitos aditivos prexudiciais para quen os practica, de feito, as webs de xogo sen cartos, supoñen un gancho para a iniciación ao xogo, xerando unha falsa sensación de seguridade, pero que está propiciando a interiorización de tódolos procesos xeradores da adicción ao xogo de apostas. Ademais estes dous anos de pandemia acrecentaron esta problemática na mocidade.

Desenvolvemento da campaña

Con estes datos en mente, a Concellaría de Mocidade lanzou o pasado 29 de outubro, con motivo da celebración do día sen xogos de azar, unha Campaña de Prevención da Adicción ao Xogo, dirixida á mocidade, con especial atención a mozos e mozas menores de idade.

Ademais dos 8 centros educativos implicados, uníronse á campaña 15 entidades deportivas, 3 sociais e culturais e 2 organizacións xuvenís da cidade. En concreto, as entidade colaboradoras foron as seguintes: Rítmica Compostela, Compostela esgrima, Club Balonmán Ribadosar, Obradoiro CAB, Conxo tenis de mesa, Federación galega de Kárate, Feitoría Verde, Patinaxe Artística C.D Fontiñas, Itaca, Centro Xuvenil Don Bosco, Club X.R Viravolta, Instituto Rosalia Fedesa, Santiago Rugby Club, Asociación Valentes Club, Deportivo Lobos, Atletismo Fontes do sar, Victoria Futbol Club, Igaxes, Asociación Deportiva Baloncesto Fontiñas, Racing san Lorenzo, Garatuxa tempo libre.

Compartir: