CULTURA

Cultura convoca o V Premio Auditorio de Galicia para novos artistas

11/04/2007 O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e o director xerente do Auditorio de Galicia, Pablo Rodríguez, presentaron a quinta edición do Premio Auditorio de Galicia para novos artistas. Como novidades desta edición, hai que resaltar o aumento nas contías económicas dos premios, así como que a obra gañadora será exposta, ademais de na sala de exhibición Isaac Díaz Pardo do Auditorio, na sede da Fundación Feima en Madrid.

O gañador do certame será galardoado cunha contía de 6.500 euros, ademais da exposición da súa obra na sala do Auditorio e na Fundación Feima, organización sen ánimo de lucro afincada en Madrid que traballa na difusión fóra de Galicia do traballo dos nosos artistas. O prazo para a entrega dos dossieres remata o 28 de setembro ás 15.00 horas.

Ademais, recibirán catro accésits de 1.500 euros cada un e un premio especial do público, creado nesta edición, de 1.200 euros. O xurado do mesmo estará composto por Isaac Díaz Pardo; Pablo Fanego, crítico e comisario independente; Almudena Fernández, artista e profesora asociada de pintura da Facultade de Belas Artes; Iñaki Martínez Antelo, director do MARCO de Vigo; Marta Rey Bouzas, directora da Fundación Feima; o presidente do Concello Reitor do Auditorio de Galicia, Néstor Rego; e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Pablo Rodríguez.

Segundo indicou Rego, este certame enmárcase "dentro dunha liña de traballo" da Concellaría de Cultura de "apoio á creación cultural e á produción propia" dos nosos artistas. O premio que comezou no ano 2001 con carácter anual, converteuse agora en bianual porque posibilita, indicou o titular de Cultura, "un maior tempo para a creación dos artistas e tamén para a propia organización" para así poder "mimar un premio do que nos sentimos moi orgullosos".

Rego subliñou que o premio está a cumprir a función de servir de plataforma para os novos artistas, como foron os casos en edicións anteriores de Álvaro Negro, Santi Jiménez e Antón Cabaleiro, creadores hoxe xa consolidados no mundo da arte en Galicia.

Compartir: