MERCADOS

O Mercado de Gando de Santiago consolídase como o de maior peso económico de España

11/04/2007 O concelleiro de Promoción Económica e Mercados, Xosé Manuel Iglesias, presentou a memoria do ano 2006 do Mercando Nacional de Gando. O ano pasado pasaron polo recinto de Amio 150.179 cabezas de gando, cun valor económico de 61.417.364 euros. Esta cifra manteno coma o mercado de maior peso económico de Galicia e de España, por diante dos de Pola de Siero e Torrelavega, e un centro de referencia a nivel europeo.

Do total de cabezas contabilizadas en Amio, 137.909 son de gando vacún, 7.395 de ovino e caprino, 2.109 de equino e 2.766 de porcino. A cifra de negocio entre o gando vacún acadou os 59.019.303 euros, a de ovino e caprino ascendeu a 514.954 euros, a de equino a 1.414.675 euros e a de porcino a 468.432 euros.

Dentro do gando vacún, os becerros de recría son os que máis se venderon: 96.125 cabezas por un valor de 30.992.400 euros. O 44,84% quedaron en Galicia, o 50,09% vendéronse ao resto de Comunidades Autónomas, sobre todo a Cataluña, onde foi parar o 25,77% de cabezas. O 4,94% foi comprado para Francia, e o 0,13% para Portugal. A continuación sitúanse os becerros para abasto, cun volume de ventas de 15.183.137 euros e 21.006 cabezas. O maior parte, o 99,57%, tiñan como destino Galicia. De gando vacún maior para abasto entraron en Amio 19.692 cabezas, que acadaron un volume económico de 11.480.436 euros. En canto a gando vacún maior para a vida, contabilizáronse 1.086 cabezas por un valor de 1.363.330 euros.

Respecto ao ano 2005 rexistrouse unha subida no número de cabezas de ovino, caprino, equino e porcino comercializadas, e un descenso no número de exemplares de gando vacún que fixo descender lixeiramente o volume de negocio (no 2005 situouse nos 64.506.951 euros). O descenso da concorrencia de gando de vacún foi debido á escaseza da oferta en Galiza e na maior parte de Europa.

No mercado participan semanalmente unha media de 2.000 persoas entre operadores comerciais e persoas relacionadas con esta actividade: manexo, carga e descarga do gando, etc. Esta cifra increméntase nas feiras da Ascensión e na do Apóstolo, cando se dan cita no recinto unhas 12.000 persoas por cada unha das celebracións.

No ano 2006, o transporte de gando realizouse nun total de 17.031 vehículos. 9.100 foron camións de menos de 4 toneladas e 7.931 de máis de catro toneladas de peso. 10.459 solicitaron lavado, e os demais só desinfectado. Durante os días de mercado (que se celebra o mércores), entraron ao recinto 15.590 turismos. Semanalmente pasan polas instalacións de Amio unha media de 261 coches. O resto entraron os días das feiras da Ascensión e do Apóstolo.

Obras en Amio

A Concellaría segue traballar para que o Mercado Nacional de Gando de Santiago siga sendo un mercado moderno e competitivo, e siga mantendo a súa posición dentro dos mercados máis importantes de Europa a nivel económico e a nivel de sanidade, hixiene e protección animal.

No ano 2006 realizáronse diferentes obras en Amio, a máis importantes dende a súa inauguración, en 1998, para seguir garantindo o cumprimento da normativa europea no trato, transporte e sanidade animal. Instalouse auga quente sanitaria, colocáronse novos bebedeiros no recinto, sinalizáronse as instalacións no interior e no exterior para facilitar a mobilidade e a seguridade no conxunto da infraestrutura, e remodelouse a estación desinfectante, dotándoa de auga quente sanitaria mediante un sistema de enerxías renovables.

Compartir: