MOBILIDADE

Abre "O balcón das Brañas", a cafetería da nova estación Intermodal de Santiago de Compostela

22/01/2022 O local terá horario de 06.00 ás 24.00 horas e ofertará servizos a viaxeiros e tamén á cidadanía de Santiago para desfrutar das vistas ás brañas do Sar. Inclúe unha proposta gastronómica para ‘balconear’, un espazo ‘chill out’ e a programación de actividades culturais e artísticas. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu esta mañá o acto de apertura.

"O balcón das Brañas", a cafetería da nova estación intermodal de Santiago de Compostela, abrirá o luns as súas portas para atender a viaxeiros e á cidadanía compostelá que desexe desfrutar dun local que ofrece unha ampla terraza aberta ás brañas do Sar e vistas á Cidade da Cultura.

O acto de presentación contou coa presenza do alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; o Consello de Administración de Tussa; e os directivos da empresa adxudicataria Beach Solpor, Javier Iglesias e Nieves Yáñez.

O rexedor destacou o importante servizo que prestará o novo espazo aos usuarios da estación, pero tamén á cidadanía de Compostela e salientou a súa ubicación: "poucos miradores mellores vai haber para os Fogos do Apóstolo". "Falamos dunha instalación que vai ser utilizada por millóns de persoas", ao estar ubidada no que "vai ser e é o principal centro de comunicación terrestres de Galicia", indicou.

O local, que abre as súas portas ao público o luns, 24 de xaneiro, ás 06.00h, nace co dobre propósito de ser un espazo confortable e singular para desfrute de Compostela e prestar un servizo de calidade e áxil para esas consumicións máis rápidas que demandan as persoas que van de viaxe. Estará aberto os 365 días do ano, en horario de 06.00 a 24.00 horas.

"O balcón das Brañas", ao que se pode acceder a través da pasarela intermodal ou a través da sala de espera da estación, dispón dunha terraza exterior con vistas ás brañas do Sar, que se configura como un espazo singular con dous ambientes diferenciados. Un primeiro ambiente chill out, acondicionado con sofás, butacas e mesas baixas, separadas por xardineiras. E un segundo ambiente, constituído por mesas con catro cadeiras de tamaño estándar.

O novo espazo, xestionado pola empresa Beach Solpor, busca ofrecer a Compostela unha oferta de ocio gastronómico baseada na calidade dos produtos galegos, co valor engadido de ir acompañada en ocasións por actuacións musicais, exposicións e outras expresións artísticas.

[

Compartir: