CONSORCIO

O Consorcio de Santiago destina 600.000 € en axudas para a rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas e o mantemento da envolvente exterior dos inmobles da cidade histórica

19/01/2022 A actual convocatoria de subevencións, que dobra o importe global con respecto ao ano anterior, permitirá tamén financiar os honorarios profesionais dos arquitectos. As persoas interesadas poderán solicitar as axudas ata o 21 de febreiro.

O Consorcio de Santiago pon en marcha unha nova convocatoria do programa "Terémanter", dirixido á rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas -en particular as reixas tradicionais- e ao mantemento da envolvente exterior dos inmobles da cidade histórica de Santiago. A través destas axudas búscase ademais apoiar a mellora da eficiencia enerxética e o illamento acústico dos edificios. O organismo destinará a esta convocatoria un importe global de 600.000 euros, o dobre da cantidade da convocatoria de 2020. O prazo para solicitar estas axudas remata o vindeiro 21 de febreiro.

En relación aos elementos especiais de madeira e reixas, inclúense as galerías, ventás e portas de entrada aos edificios. Tamén se subvencionarán os custos adicionais e indispensables para a realización das obras como a colocación de medios auxiliares.

En canto ás obras de mantemento da envolvente exterior, inclúense as fachadas exteriores, patios interiores e cubertas; así como as obras de mellora da eficiencia enerxética do edificio relacionadas co mantemento da envolvente como o illamento da cuberta, illamento de fachadas exteriores e/ou patios interiores. No caso de que sexa imprescindible a substitución da cubrición para favorecer o comportamento térmico do edificio subvencionarase tamén o seu custo. Ademais, subvenciónanse as obras que contribúan ao illamento acústico dos inmobles; así como as actuacións de consolidación, reposición e mellora das estruturas tradicionais de madeira, incentivando a introdución de novos produtos e derivados da madeira innovadores.

Adicionalmente, nesta convocatoria préstase especial importancia ao impulso da redacción da documentación técnica necesaria para intervir no edificio e á dirección de obra, ás inspeccións técnicas de avaliación dos edificios e á redacción de plans de mantemento mediante a subvención dos honorarios profesionais.

Beneficiarios das axudas

Poderán beneficiarse destas axudas tanto as persoas físicas ou xurídicas como unha agrupación de personas físicas ou xurídicas; propietarias, inquilinas ou aquelas que teñan algún dereito de uso sobre os inmobles, ademais das comunidades de propietarios.

Requisitos dos inmobles

Os inmobles deberán presentar condicións suficientes de seguridade estrutural e de estanquidade fronte á choiva. Deberán ter unha antigüidade superior aos dez anos e terán que estar destinados a vivenda, comercial en clases I e II, oficinas, industrial, sociocultural, asistencial ou institucional.

As solicitudes poderán presentarse no rexistro do Consorcio de Santiago ou en calquera outro rexistro. Na avaliación das mesmas valorarase a superficie en metros cadrados de carpinterías de madeira, que se dispoña dun Plan de Mantemento para o edificio e do Informe de Avaliación do Edificio, así como o nivel de ingresos da unidade de convivencia. Primarase a incorporación de novos solicitantes e terán especial consideración os inmobles afectados pola contaminación acústica, situados nas zonas declaradas saturadas de ruído polo Concello de Santiago, sempre que coa intervención se consiga unha mellora do illamento acústico. Así mesmo, valorarase o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do inmoble, xunto ao seu nivel de ocupación.

O Consorcio ofrece asistencia técnica

Estas axudas inclúen tamén a asistencia técnica en todo o proceso. Así, pódese solicitar que os técnicos do Consorcio de Santiago elaboren a documentación técnica necesaria para a realización das obras de pequena entidade, ao tempo que se encargan da dirección das mesmas e da coordinación de seguridade e saúde.

Compartir: