ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal arranca unha peregrinación a través do mundo sonoro cun primeiro concerto inspirado polo Camiño Primitivo

13/01/2022 O Teatro Principal acolle este domingo a partir das 12:00 h un concerto con pezas de Antón Reicha, Rupert Chapí e Xoan Montes

No marco do Ciclo II "Rutas e sinfonías" da temporada 2021-2022 "Camiños Sonoros", a Banda de Música Municipal de Santiago ofrecerá o próximo domingo 16 de xaneiro ás 12:00h no Teatro Principal, o espectáculo "O Camiño Primitivo", adicado á que é posiblemente a primeira ruta de peregrinación do Camiño de Santiago. Neste contexto, o programa musical configúrase co repertorio histórico máis "primitivo" escrito para banda.

Obras

Anton Reicha, de orixe checo, aséntase en Francia onde vive de preto os efectos que a Revolución Francesa ten na evolución das bandas. Así, nesta época as manifestacións multitudinarias da poboación consistían en saír á rúa a tocar música con instrumentos de vento, facendo que as bandas significaran o símbolo da progresión social. Neste marco, Reicha escribe no ano 1815 "Musique pour celebrer la memoire des hommes grands et des grands events", sendo unha das primeiras sinfonías de gran formato escritas para banda (hoxe coñecida como "Commemoration Symphonie").

A Fantasía Morisca "La Corte de Granada" é un dos primeiros exemplos de obras grandes escritas orixinalmente para banda en España. Ten data de 1873 e está asinada por Ruperto Chapí, célebre compositor de zarzuela, que compón esta obra cando era director de banda militar en Madrid. A música clasifícase na corrente do alhambrismo musical, un estilo nacionalista e descritivo que xurde con ímpeto nas últimas décadas do s. XIX.

O programa concluirá cunha das primeiras obras galegas de envergadura escritas para banda. Xoan Montes escribe en 1890 a Sonata Gallega Descriptiva: "A Sega", para cuarteto de cordas, inspirada polo poema homónimo de Aureliano Pereira, no que se narra unha xornada de traballo no campo coas labores da seitura. O mesmo Xoan Montes, debido á proximidade coa Banda de Música Municipal de Lugo (da que tamén foi director fundador), realizou unha versión instrumentada para a banda.

Entradas

A entrada é de balde e obrigatoria para o acceso por mor do control dos aforos. Os billetes poden adquirirse, de xeito gratuito, na web compostelacultura.gal; na zona C (de martes a sábado); ou no despacho de billetes do Teatro Principal o día do espectáculo desde unha hora antes de comezo do mesmo.

Compartir: