ORZAMENTOS

O proxecto de orzamentos do Concello para o 2022 ascende a 130 millóns de euros, un 4% máis que o ano anterior

07/01/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal, presentaron en rolda de prensa o borrador de orzamentos para o 2022, que ascende a 130.065.329, 19 euros, 5.045.251,42 euros máis que en 2021 (un 4,04%).

O rexedor, que cualificou os orzamentos de "dignos", adecuados "ás necesidades da capital de Galicia" e "absolutamente imprescindibles", destacou o esforzo realizado en tres puntos: en primeiro lugar, no relativo ás partidas destinadas a "seguir apoiando aos sectores máis prexudicados pola covid: comercio, hostalería, turismo"; en segundo lugar, o incremento do gasto como consecuencia da posta en funcionamento dos novos servizos: "parques e xardíns, o Servizo de Axuda no Fogar, a limpeza e recollida de lixo ou a previsión en relación co transporte público", enumerou; en terceiro lugar, Sánchez Bugallo fixo fincapé nos investimentos, que se concentran "nos barrios, nas parroquias e nos sectores sociais máis desfavorecidos".

Investimentos

Dentro do capítulo de investimentos (capítulo VI), cuxo orzamento global ascende a 16.445.765,96 euros, a concelleira de Facenda salientou "o importante incremento do gasto destinado ao ámbito rural", dun 45,89%, pasando de 2.438.336,35 € no ano 2021 a 3.557.320,56 € no ano 2022, "dos cales 2.541.762,28 € se financian con recursos municipais e 1.015.558,28 € con fondos do plan provincial".

Dentro do orzamento destinado ao rural, o rexedor lembrou que se destinarán 841.000 euros para saneamento e 1 millón de euros específico ao mantemento dos viarios. No caso do ámbito urbano, o mantemento de firmes estará dotado con 1,1 millóns de euros. A ambas cantidades (1 millón no rural e 1,1 no urbano) súmanse os 750.000 euros previstos no contrato ordinario de mantemento, que tamén ve incrementada a súa contía con respecto ao ano pasado.

Sánchez Bugallo desgranou a partida de investimentos, dentro da que salientou os seguintes puntos:

- Dotación orzamentaria para respaldar os proxectos europeos aos que concurríu o Concello ou xa ten concedidos: algo máis de 700.000 euros.
- Actuación na zona de San Ignacio de Loyola: 911.740 euros.
- Diferentes actuacións en barrios: reurbanización da ruela das Salvadas (300.000 euros), da rúa Mallou (350.000 euros), da rúa Pombal (450.000 euros), da rúa Castrón Douro (420.000 euros), ou reparación e acondicionamento da avenida de Vilagarcía (125.291,75 euros).
- Actuación na rúa García Lorca (Vite): 750.000 euros.
- Intervención no parque de Bombeiros, que se concreta na achega de 520.000 para o acondicionamento do novo edificio (o 20% do orzamento global, parte que lle corresponde achegar ao Concello); e 544.809 euros para a adquisición de novo equipamento.
- Plan de Sostibilidade Turística: 700.000 euros.
- Renovación da cuberta do pavillón do CEIP Quiroga Palacios: 420.000 euros.
- Mellora e acondicionamento de diferentes instalacións deportivas: 1 millón de euros.

Resto de capítulos do orzamento

A concelleira de Facenda, Marta Abal, fixo un completo repaso polo resto dos capítulos do orzamento:

1. O capítulo I de gastos ascende á cantidade de 36.107.074,26 euros, o que representa un 3,13 % mais respecto do crédito inicial do ano 2021. Sinalou a concelleira que "o incremento responde non só ao incremento salarial do 2% previsto na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2022, senón tamén ás medidas organizativas e de reestruturación de recursos humanos, que se reflectirán, como non pode ser doutra maneira, na relación de postos de traballo do concello, que esperamos aprobar durante este mes de xaneiro, e no cadro de persoal do concello". Ademais, indicou "dótase o primeiro terzo do grao II da carreira profesional, dando así cumprimento ao pactado no seu día coas organizacións sindicais tal e como se recolle no acordo publicado en xuño do ano 2019".

2. O capítulo II de gastos ascende á cantidade de 55.478.568,03 euros, cun incremento do 10,17%, respecto do ano 2021, isto é 5.120.326,84 euros máis. Marta Abal salientou específicamente dentro deste capítulo:
- O incremento do gasto dirixido directamente ao comercio: "estamos a falar dun incremento do 55,56% en accións directas de dinamización da actividade comercial, pasando de 171.000 no ano 2021 a 266.000 euros no ano 2022"
- O incremento do gasto destinado á xestión de residuos e limpeza viaria: sobe un 5,33%, pasando de 11.846.096,83 € no ano 2021 a 12.477.815,70 € no ano 2022.
- O incremento do gasto destinado ao alumeado, tanto das instalacións municipais como do alumeado público, nun 31,47 %, subindo de 3.798.038,20 € no ano 2021 a 4.993.371,69 € no ano 2022. "Este incremento obedece esencialmente a que se dota o crédito necesario e suficiente para licitar e adxudicar durante o ano 2022 o novo contrato de servizos enerxéticos municipais, no marco do cal se renovará boa parte do alumado público", engadiu.
- O incremento do gasto destinado a servizos sociais, nun 19,24%, pasando de 3.204.722,49 € no 2021 a 3.821.373,08 € no 2022, derivado esencialmente do incremento do gasto destinado ao contrato de axuda no fogar.
- O incremento do gasto destinado ao mantemento do concello, tanto no relativo ao mantemento dos pavimentos como ao desbroce de fincas urbanas. Incremento dun 28,56%, pasando de 1.160.306,09 € no 2021 a 1.491.684,68 € no 2022.
- O incremento do gasto destinado ao departamento de Educación nun 10,24%, pasando de 5.074.133,89 € no 2021 a 5.593.950,29 € no 2022, "motivado esencialmente polo incremento do gasto destinado á comedores escolares ou a escolas infantís"
- O incremento do gasto destinado ao departamento de Deportes nun 20,28%, pasando de 1.440.984,47 € no ano 2021 a 1.733.196,95 € no ano 2022, provocado fundamentalmente polo aumento do gasto destinado ao mantemento de instalacións deportivas.

3. Capítulo III. Ascende á cantidade de 705.596,85 euros, co obxectivo de facer fronte aos intereses da débeda, así como "seguindo criterios de prudencia", aos intereses derivados de sentenzas xudiciais a executar durante o ano 2022 e custo de depósitos bancarios.

4. O capítulo IV ascende a 18.287.631,05 euros. " O incremento vén motivado en esencia polo incremento do crédito consignado para facer fronte ao contrato do transporte, tanto do novo contrato como á liquidación do ano 2021".
Tamén neste capítulo a concelleira salientou o "incremento do crédito destinado a actuacións de fomento do consumo no comercio e na hostalería local nun 131%, pasando de 235.000,00 € no ano 2021 a 544.200,00 € no ano 2022". Neste capítulo situaríanse os bonos corazón que, segundo avanzou o rexedor, contarán con novas convocatorias tanto de carácter xeral para a toda a cidade como especifíco para o barrio de San Pedro.

5. Capítulo V: fondo de continxencia, dotado de 100.000 euros.

6. Capítulo VI: investimentos, cun importe de 16.445.765,96 euros.

7. O capítulo VII conta cun importe de 1.528.424,00. O incremento sitúase no 16,70% pasando de 1.309.750,00 euros no ano 2021 a 1.528.424,00 no ano 2022. Marta Abal destacou o incremento do importe nas axudas á rehabilitación nun 187,87 %, ascendendo de 388.000,00 € no ano 2021 a 1.116.924,00 € no ano 2022.

8. O capítulo VIII sitúase nos 185.000 euros, o que supón un incremento do 51,39%, pasando de 122.198,00 no ano 2021 a 185.000,00 no ano 2022. A causa do incremento é a dotación do crédito necesario e suficiente para a constitución de EMUVISSA.

9. Capítulo IX: amortización de débeda bancaria, 1.227.269,04 euros.

Prazos
O rexedor lembrou a necesidade de aprobar o orzamento e indicou que a previsión do goberno é facelo "a finais de xaneiro ou principios de febreiro". Sánchez Bugallo indicou que, unha vez aprobados os presupostos do Auditorio e de Mercagalicia, será preciso que ocorra o mesmo cos de Tussa e Incolsa. "A partir de aí formalizarase o orzamento municipal e convocarase a comisión de Facenda", engadiu. Unha vez ditaminado por este órgano, o proxecto de orzamentos será levado a pleno.

Covid
Sobre a incidencia das cifras de Covid na cidade, que onte acadou os 2562 casos activos, Sánchez Bugallo fixo un novo chamamento á "prudencia da cidadanía para controlar a propagación da pandemia". O rexedor recordou que a Atención Primaria atópase nunha situación próxima ao colapso polo volume de novos casos que "segundo os expertos seguirán á alza ata a semana do 18 de xaneiro", polo que tamén apelou á responsabilidade das persoas que aínda non están vacinadas para que "reconsideren a súa posición" e abandonen esta postura tan "profundamente insolidaria" co resto da sociedade.

Compartir: