ACCIÓN CULTURAL

O Concello recorda cunha ofrenda floral a figura de Valle-Inclán

05/01/2022 O cemiterio de Boisaca acolleu hoxe a ofrenda floral ao escritor e dramaturgo, Ramón María del Valle Inclán por parte do Concello de Santiago, da Xunta de Galicia, do Museo Valle-Inclán e dos concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa. O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, destacou a figura do dramaturgo e escritor, a súa vinculación con Compostela, e a importancia da súa obra; igual que a do polifacético galeguista, Isaac Díaz Pardo. Os dous faleceron un 5 de xaneiro. O primeiro do ano 1936 e o segundo de 2012.

Esta homenaxe a Valle-Inclán responde a un acordo plenario do Concello de Santiago de 1985, a proposta do entón concelleiro Luis Pasín. Nela tamén interveu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, quen destacou a emotividade do acto e o valor do legado do dramaturgo. Pola súa banda, Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán, resaltou o labor das entidades que traballan a prol da "figura sobranceira" do escritor, e o "seu espíritu, que nos está unindo a todos aquí".

Na ofrenda floral a Valle-Inclán tamén estivo presente un dos seus netos, Xaquín del Valle-Inclán; Angel Lorenzo, director xeral de Cultura; o portavoz do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete; e distintas representacións dos concellos de Vilanova de Arousa, da Pobra do Caramiñal, e da Asociación Amigos de Valle-Inclán.

Compartir: