ACCIÓN CULTURAL

O Teatro Principal acolle o 6 de xaneiro o concerto extraordinario do día de Reis da Banda Municipal de Música de Santiago

04/01/2022 A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela ofrece, o próximo 6 de xaneiro ás 12:00h no Teatro Principal, o concerto extraordinario do día de Reis. Dirixida por David Fiuza, interpretarán as pezas "Festive Overture" e "Twelfth Night", de Alfred Reed; e "Festive Overture op.96" e "Jazz Suite nº 2" de Dmitri Shostakovich.

Os billetes para asistir ao concerto poden adquirirse, de balde, na web www.compostelacultura.gal, na zona C, de martes a sábado; ou no despacho de billetes do Teatro Principal o día do espectáculo desde unha hora antes de comezo do mesmo.

Historia da Banda Municipal

A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela é unha das máis antigas de Galicia. Nace en 1848 como agrupación de afeccionados ata que en 1876, en mans do Concello, comeza a profesionalizarse. As súas actividades máis importantes eran os concertos, denominados paseos, na Alameda ou na Rúa do Vilar, as festas da cidade, as procesións de Semana Santa e os seus concertos, no Teatro Principal na temporada de inverno e na rúa do Vilar na de verán. Estes actividades seguen a celebrarse na actualidade, e inclúen ademais concertos didácticos, intercambios culturais e actos protocolarios do Concello.

Compartir: