CULTURA

A Semana da Maxia traerá a Santiago aos mellores magos do panorama internacional

09/04/2007 Maxia, que traerá á nosa cidade aos mellores magos do panorama internacional. Un total de 66 espectáculos repartiranse ao longo destes días en diversos espazos de Santiago como centros de ensino, hospitais, rúas da cidade, ademais do Teatro Principal e o Auditorio de Galicia.

No acto de presentación, o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, indicou que se trata dunha iniciativa máis que persegue achegar a actividade cultural á cidadanía e, sobre todo, "facer de Compostela un referente cultural europeo e mundial".

A este respecto, Rego sinalou que a Semana da Maxia se "vén a sumar" a outras iniciativas postas en marcha ao longo dos últimos tres anos como Sons da Diversidade, Festival d´Gorra ou Festiclown, e a outras xa existentes e consolidadas como Cineuropa e En Pé de pedra.

O evento, organizado e producido pola Concellaría de Santiago, e patrocinado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e o Xacobeo, comezará o domingo 15 ás 20:30 horas na Praza do Obradoiro coa actuacion do prestixioso mago Luis de Matos co espectáculo "A fuga da camisa de forza", onde o artista desafía á morte, a 30 metros de altura, colgado polos pés dunha corda ardendo.

As entradas aos espectáculos serán todas de balde, salvo aquelas para asistir ás galas que terán lugar no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia, que terán un prezo de 8 euros (4 para estudantes e xubilados) e que poderán ser adquiridas a partir de hoxe nas oficinas destes dous espazos.

O mago Antón, da Asociación de Magos Profesionais de Galicia, sinalou que a maxia é unha arte escénica "en continuo crecemento" e que Galiza é "pioneira" no desenvolvemento do ilusionismo. A este respecto asegurou que as compostelás e os composteláns poderán gozar "deste gran espectáculo que tentará facer que os máis grandes se convertan en nenos por unhas horas". Pola súa banda, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, sinalou que eventos coma este mostran "a boa saúde da maxia no noso país".

Documentos relacionados



Compartir: