ACCIÓN CULTURAL

A Real Filharmonía de Galicia ofrece o seu tradicional concerto de Reis este mércores 5 de xaneiro

03/01/2022 A batuta levaraa o director titular e artístico da RFG, o mestre Paul Daniel e contará coa actuación do músico Claudio Constantini que interpretará a Piazzolla ao bandoneón. As entradas están dispoñibles na páxina web compostelacultura.gal.

A Real Filharmonía de Galicia celebrará o seu tradicional concerto da noite de Reis este mércores, 5 de xaneiro, ás 21:30 horas no Auditorio de Galicia. Para poder acceder é necesario presentar certificado Covid (ou PCR ou test de antíxenos negativo), tal e como dispón a normativa vixente ante a situación epidemiolóxica derivada da pandemia da COVID-19.

Baixo o título "Tren, barco, avión e outros medios de locomoción", o programa mantén o espírito do lema desta tempada da RFG, "Viaxes". O público asistente terá a oportunidade de desfrutar de pezas moi populares, cuxo fío conductor son os diferentes medios de transporte.

O concerto arrincará con "Abran paso!" da "Polka Schnell" de Eduard Strauss, que comeza cun sinal de tren que simula iniciar a súa marcha. A continuación soará "O voo do moscardón" de "O conto do tsar sultán de Rimski- Kórsakov", xunto a varios fragmentos da Suite Sinfónica "París" de Jacques Ibert. De México chegará a "Música para charlar" do compositor Silvestre Revoltas. E do arxentino Astor Piazzolla -do que en 2021 cumpríase o primeiro centenario do seu nacemento- soará a obra "Aconcagua para bandoneón e orquestra", que interpretará o bandoneonista Claudio Constantini.

De Eduard Strauss tamén se interpretará "Con vapor!" da Polka Schnell. A continuación os músicos achegarán ao público unha peza de Billy Strayhorn e Harry Warren, arranxada por Iain Farrington, "Take the A Train/ Chatanooga ChooChoo". De Farrington soarán ademais "The sailor’ s hornpipe: A Shipshape Shindig" (A gaita do mariñeiro: unha festa no barco) e "Wing it!", variacións sobre "I got rhythm" de George Gershwin. E de Gershwin interpretarase "Promenade Walking the Dog" (Paseando o can), arranxado por Sol Berkowitz.

O bandoneonista Claudio Constantini

Pianista, bandoneonista e compositor, Claudio Constantini mantén unha polifacética carreira a través dos cinco continentes. Nacido en Lima no seo dunha familia de músicos, o seu orixinal estilo defínese polas súas sólidas raíces clásicas, aliadas cunha incesante paixón por algúns xéneros musicais populares, entre os cales a música latinoamericana e a improvisación son esenciais. Actuou nalgúns dos teatros máis importantes do mundo como a Filharmónica de Berlín, a Festpielhaus de Baden-Baden, a Konzerthaus de Viena, a Ópera de Los Ángeles, a Ópera de Munich, i Palau de lles Arts de Barcelona ou o Teatro Real de Madrid, entre outros.

En 2019 foi candidato aos Grammy Latinos polo seu disco América na categoría de Mellor álbum de música clásica; e o seu disco "20th Century Tango" foi distinguido coa Medalla de Prata nos Global Music Awards de 2021. Iniciou os seus estudos de piano no Conservatorio Nacional do Perú baixo a tutela do seu pai, Gerardo Constantini. Posteriormente, recibiu o seu titulo superior en Finlandia, o seu máster en Holanda, e o Diplome de Concert en París, todos eles coa mellor distinción do xurado.

Compartir: