MEDIO AMBIENTE

Vinteún composteláns recibiron un premio Ecoembes

20/05/2005 Entregáronse os premios do sorteo de Ecoembes, que premia aos cidadáns que reciclan correctamente os envases de plástico, latas e bricks.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, xunto á concelleira de Medio Ambiente, Marta Álvarez Santullano, e á concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, fixeron entrega dos premios Ecoembes. Dos vinteún premios, dous recaeron no colexio Divino Maestro.

Este sorteo enmárcase na campaña informativa sobre o uso correcto do colector de envases de plástico, latas e briks. O obxectivo da súa posta en marcha é o de mellorar o uso do colector amarelo, co fin de favorecer a formación dunha conciencia social para a defensa e mellora do contorno e sentar as bases para o desenvolvemento sostíbel.

O sorteo efectuouse escollendo ao azar bolsas do colector amarelo que indicaran no exterior o nome, o enderezo e o teléfono do cidadán que as depositou. Todas as bolsas que non contiveran envases de plástico, latas e briks, foron descartadas para entrar no sorteo.

Os premios consisten en bonos de fin de semana para dúas persoas nunha casa de turismo rural de Galicia, e inclúen dúas noites de aloxamento nun cuarto duplo, almorzo e impostos. Estes bonos poderán ser empregados ata o vindeiro 31 de outubro de 2005.

Compartir: