PARQUES E XARDÍNS

O Departamento de Parques e Xardíns do Concello acondiciona a praza e o estanque do parque das Cancelas

16/12/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, visitaron esta tarde a praza, trala remodelación da zona dos estanques. A mellora deste espazo permitirá a súa recuperación para a realización actividades culturais ao aire libre, dado que conta con escenario e gradas.

O Departamento de Parques e Xardíns do Concello de Santiago acometeu unha serie de actuacións co fin de adaptar a zona próxima ao centro comercial ás necesidades de veciños e usuarios da superficie.

Entre outras accións, os técnicos municipais levaron a cabo unha mellora microclimática mediante a plantación de árbores da especie Acer freemanii Autumn Blaze na contorna da praza co fin de reducir a elevada temperatura debido ao efecto illa de calor.

No estanque, que nunca fora utilizado desde a súa construción no 2012, realizáronse labores de limpeza e instaláronse unha bomba de auga e boquillas ornamentais para asegurar o seu correcto funcionamento, así como iluminación circundante. Tamén se levou a cabo a reparación da tarima do escenario e das pasarelas de madeira, en mal estado polo desuso, así como a colocación de xardineiras.

Coa intención de reducir o ruído e as vistas do tráfico creouse unha franxa vexetal composta na parte central por árbores pequenas e arbustos altos, que ademais de ocultar as vistas da rotonda e da estrada, son o tipo de vexetación máis efectiva na atenuación do ruído.

Nos perímetros tamén se plantaron arbustos medianos e pequenos, así como vivaces e anuais, entre os que se atopan especies como rododendros, arces xaponeses, camelias, cornexos, abelias, e arbustos de flor e planta de temporada.

Coas melloras búscase revitalizar esta zona, que ata o momento tiña un uso moi baixo debido á elevada temperatura da praza, á presenza do tráfico e ao deterioro e abandono dalgúns dos seus elementos.

Compartir: