TURISMO

Francisco Candela: "As expectativas turísticas desta Semana Santa superáronse amplamente"

09/04/2007 O concelleiro de Turismo, Francisco Candela, valorou "moi positivamente" os resultados turísticos da Semana Santa en Compostela. "As expectativas de Turismo de Santiago superáronse amplamente", indicou sobre un período no que acompañou o bo tempo.

O factor climático incidiu decisivamente nestes datos, "xa que favoreceu a Galicia respecto a outras zonas do Estado", apuntou Candela. Ademais, destacou o "atractivo complementario" que supuxo a oferta presentada nesta Semana Santa por Turismo de Santiago, como as visitas nocturnas, as rotas por establecementos gastronómicos ou eventos coma o Festival de Músicas Contemplativas.

Entre o 31 de marzo e o 8 de abril, a Oficina de Información Turística recibiu 10.003 consultas, o 65% dos cales eran españois e o resto estranxeiros. Entre os visitantes españois destacaron, moi por diante das demais autonomías, a de Madrid, seguida de País Vasco, Andalucía e Cataluña. Entre os estranxeiros, Candela destacou a recuperación do excursionismo portugués e a presenza dunha porcentaxe de turismo irlandés, que reflicte a incidencia da nova conexión Santiago-Dublín.

En canto á ocupación hoteleira, segundo a enquisa telefónica realizada por Turismo de Santiago, a media entre o xoves 5 e o domingo 8 de abril foi do 92,5%, mentres que a ocupación durante os 11 días alcanzou o 65%. Deste xeito, a media en todos estes días sitúase no 75% "15 puntos por riba da ocupación estimada", dixo o concelleiro.

En Compostela

Candela aproveitou a valoración dos datos do turismo en Semana Santa para presentar o número de 2007 da revista "En Compostela". Editáronse 15.000 exemplares desta publicación, que se repartiu nos establecementos hostaleiros da cidade. O contraste entre edificios tradicionais e modernos da cidade, a posta en valor dos espazos de arte contemporánea, o parque de Bonaval, as terrazas de verán ou a nova cociña son algúns dos asuntos tratados en profundidade neste número.

Compartir: