URBANISMO

Máis de 17 millóns de euros para a urbanización dos novos polígonos industriais de Formarís e da Costa Vella

09/04/2007 A Empresa Municipal de Vivenda e Solo (Emuvissa) investirá máis de 17 millóns de euros na urbanización dos máis de 400.000 metros cadrados de solo industrial dos polígonos 37.3 (Costa Vella) e 38 (Formarís). A Xunta de Goberno local aprobou estes proxectos de urbanización, presentados xa polo alcalde. Este investimento inclúe tamén a construción dunha rotonda de paso elevado.

O solo 37.3, na Costa Vella (no ámbito da FINSA e xunto á N-550), disporá de 16,6 hectáreas, en cuxa urbanización se investirán 5,4 millóns de euros. Ás obras do solo 38, en Formarís (entre o Polígono do Tambre e a N-550)), destinaranse 8,2 millóns de euros, coas que se urbanizarán 27,6 hectáreas.

Ademais, construirase unha rotonda de paso elevado, que obrigara ao derrubo dunha casa, cun investimento previsto de 3,8 millóns de euros. Esta rotonda fíxose necesaria ante a prohibición de Fomento de realizar unha conexión directa entre os polígonos e a estrada N-550.

Segundo apuntara o alcalde, as obras, que entran no orzamento de Emuvissa para 2007, sacaranse a licitación este verán e nun único paquete. Ademais da rotonda, as urbanización incluirá unha rúa paralela á N-550, que irá saír na ponte do Polígono do Tambre. Neste sentido, Sánchez Bugallo referiuse á importancia que terá a duplicación da ponte, un proxecto que está previsto que poida ser licitado este mesmo ano polo Ministerio de Fomento.

Estas actuacións permitirán que cara finais de 2008 estén listos estes dous polígonos industriais. Non obstante, isto non impedirá que as empresas interesadas poidan ir solicitando as súas licenzas de obra.

Compartir: