SMARTIAGO

O proxecto Smartiago acada o primeiro premio dos Procura + Awards na categoría de Compra Pública de Innovación

23/11/2021 O proxecto de CPI do Concello de Santiago acadou o primeiro premio dos Procura + Awards na categoría de Compra Pública de Innovación do Ano, onde superou ao proxecto BIM, presentado pola cidade de Praga, capital da República Checa, que se postulara co proxecto BIM (Building Information Modeling), que trata sobre a creación de innovación enerxética neta cero a través de adquisicións na construción.

A cerimonia dos premios, que se celebrou de xeito telemático, contou coa representación, por parte do Concello de Santiago, de Antón Varela Tourón, asesor do Goberno municipal, e Jesús Rodríguez Castro, xefe de servizo da área de Informática do Concello e responsable técnico do proxecto Smartiago.

O proxecto Smartiago é xa un caso exitoso de Compra Pública de Innovación, que supón o establecemento das bases para a construción dunha cidade intelixente sobre os criterios de eficiencia, adaptabilidade e replicabilidade.

Con Smartiago, o Concello e a cidade de Santiago pretenden obter, despois do desenvolvemento das tecnoloxías que se leven a cabo, un conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das cidades intelixentes, encamiñadas a converter a Santiago de Compostela na primeira iniciativa que busca eficiencia, máxima aplicabilidade e adaptación da I+D ás problemáticas das Cidades Patrimonio, de xeito que os resultados sexan altamente escalables, eficientes e replicables noutras cidades ou contornas nas que o patrimonio histórico sexa un atributo distintivo.

Este proxecto implicou a unha parte elevada dos departamentos municipais, servizos e compañías, obrigando ao Concello á comprensión e adaptación dun instrumento novidoso para a administración local, ao tempo que se definía unha ferramenta replicable para todas as cidades, en particular para aquelas coa condición de Patrimonio.

Smartiago e o proxecto da capital checa superaron na semifinal aos presentados por Valladolid, dúas solucións sociais e sanitarias innovadoras para o envellecemento activo e a vida independente; e o presentado por Helsinki, relacionado co desenvolvemento dun camión eléctrico e silencioso para a recollida de lixo nocturna.

Os premios Procura + Awards están xestionados e coordinados por ICLEI - Gobernos Locais para a Sustentabilidade; unha rede global de máis de 2.500 gobernos locais e rexionais comprometidos co desenvolvemento urbano sostible, activa en máis de 125 países. Trátase dunha entidade que integra a autoridades públicas europeas e rexións que conectan, intercambian e actúan sobre adquisicións sostibles e innovadoras.

Cofinanciamento FEDER
O proxecto Smartiago desenvólvese en virtude a un convenio de colaboración da Línea FID (Fomento de la Innovación desde la Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.

Compartir: