EIXO ATLÁNTICO

Preséntase o I Trofeo de Automóbiles Clásicos do Eixo Atlántico

03/04/2007 Vila Nova de Gaia (Portugal) acolle o mércores 4 a presentación do I Trofeo de Automóbiles Clásicos do Eixo Atlántico, organizado pola empresa portuguesa Ibero Clásicos en coordinación co Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. Santiago formará parte do percorrido da segunda etapa.

O 1º Trofeo de Automóbiles Clásicos do Eixo Atlántico consta de catro etapas, que se desenvolverán entre os meses de maio e outubro. Esta proba, integrada no Calendario da Federación Portuguesa de Automobilismo e Karting(FPAK) está dirixida a dous tipos de participantes: os que pretendan efectuar unha competición de regularidade histórica de acordo cos regulamentos internacionais aplicables, e aqueles que prefiren efectuar un percorrido turístico, visitando locais de interese histórico e cultural.

Ao longo de catro fins de semana (en catro meses), as cidades que integran o Eixo Atlántico verán como as súas estradas se enchen de automóbiles clásicos con máis de 25 anos de antigüidade.

A primeira etapa terá lugar entre os días 11 e 13 maio e percorrerá as cidades portuguesas de Bragança, Chaves e Peso da Regua. A segunda etapa discorrerá entre Pontevedra, Santiago de Compostela e Ferrol nos días 22, 23 e 24 de xuño. En xullo celebrarase a terceira das etapas, que unirá Viana do Castelo, Gaia e Porto entre os días 13 e 15. A cuarta e última das etapas terá lugar en outubro nos días 5, 6 e 7 deste mes entre as cidades de Monforte de Lemos, Ourense e a localidade portuguesa de Vila Real.

O obxectivo deste trofeo é a unión entre as cidades que conforman o sistema urbano da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, contribuíndo a unha maior aproximación da súa poboación, ao mesmo tempo que se proporciona unha presentación dos automóbiles que fixeron historia ao longo das últimas décadas.

O evento tamén será presentado do 5 de abril en Lisboa e en vindeiras datas en Santiago de Compostela.

Compartir: