TURISMO

Turismo de Santiago crea o primeiro turoperador local mixto de España

18/05/2005 O proxecto ‘Compostur’, pioneiro no país, funcionará coma unha empresa mixta para a estruturación e comercialización dos produtos turísticos de Santiago e bisbarra, dando continuidade á política turística do Concello de Santiago en materia de calidade e reforzando a competetitividade de Compostela nos mercados nacional e internacionais.

Trala adxudicación do concurso aberto para a súa explotación, Viajes Viloria e Turismo de Santiago inician esta primavera, baixo o perfil de experiencia piloto, a creación do primeiro canal turístico integral da cidade.

Ampliar a oferta de servizos nas oficinas de turismo municipais, innovar para lograr a diversificación dos produtos turísticos composteláns, mellorar a comercialización nacional e internacional de Santiago e a súa competitividade como destino turístico; reforzar as temporadas media e baixa, alongar a estancia media e impulsar a cooperación e participación dos sectores público e privado nestes fins son algúns dos obxectivos cos que nace Compostur, o primeiro turoperador local con participación pública.

Compostur responde á tipoloxía das DMO (‘Destination Management Organisation’), empresas mixtas de ámbito local constituídas para identificar, estruturar, comercializar e asegurar a calidade dos produtos turísticos, engadindo valor ás ofertas existentes nun destino e integrándoas nunha oferta conxunta que se vende directamente ao cliente final ou a intermediarios especializados en orixe.

Creación dunha central de reservas
Para conseguir os seus propósitos, os eixes fundamentais de traballo de Compostur nesta primeira fase experimental, que se estenderá ata decembro de 2006, inclúen a creación e xestión dunha central de reservas de servizos turísticos de Santiago de Compostela; a xestión dos puntos de venda de servizos turísticos nas oficinas de información de Turismo de Santiago e a creación de ‘paquetes’ turísticos locais para a súa comercialización, tanto a través da central de reservas, como a todo o mercado turístico nacional e internacional.

A central de reservas, que funcionará a través dunha web propia e un teléfono 902, comercializará paquetes turísticos de creación propia nos que se integrarán de forma novidosa os abundantes recursos turísticos composteláns e os da súa área de influencia.

Desta maneira, a páxina web permitirá reservar desde aloxamentos ata sesións de balneario ou mergullo; comprar a tarxeta turística Compostela 48 Horas, contratar visitas guiadas, excursións, alugar bicicletas ou paseos en avioneta e beneficiarse de ofertas de última ou last minute para a reserva de habitacións e outros servizos.

Tamén será posíbel concertar rutas temáticas pola cidade e os seus arredores ou decidirse por paquetes completos de motivación relixiosa, cultural, de natureza, etnográfica, gastronómica, familiar ou educativa con aloxamento, transporte e manutención incluídos, nos que Santiago servirá de ‘lanzadeira’ para achegarse a toda oferta turística galega.

Compartir: