MEDIO RURAL

Visita ás obras de reparación e consolidación da Ponte de Vidán

13/11/2021 O pasado mércores, no marco das obras de reparación e consolidación da Ponte de Vidán promovidas pola Concellería de Medio Rural do Concello de Santiago de Compostela, iniciouse a instalación do novo taboleiro para a ampliación da sección transversal da ponte. O alcalde e o concelleiro de Medio Rural estiveron presentes no inicio desta fase das obras e puideron comprobar a complexidade da operación.

O novo taboleiro está deseñado mediante unha estrutura mixta de aceiro e formigón que se apoia nas fábricas históricas de cantería que foron recuperadas e rehabilitadas con anterioridade á súa instalación.

A estrutura de aceiro foi fabricada durante os últimos meses nun taller especializado en dúas únicas pezas, cada unha de elas de 13,1 metros de lonxitude e 5,6 metros de ancho. A súa instalación requiriu a organización dunha complexa operación para o seu traslado e montaxe mediante transportes especiais ata a ponte e a utilización dun autoguindastre para a súa descarga e o seu posicionamento definitivo. Ademais, o espazo dispoñible para o paso e as manobras entre as vivendas existentes, a beira do río Sar e as instalacións aéreas de servizos era moi reducido, o que complicou aínda mais a operación.

Nos próximos días procederase ao formigonado da lousa do novo taboleiro, o que permitirá que a nova sección transversal da ponte dispoña dunha nova beirarrúa segura para os peóns dun metro e medio e unha calzada independente para o tráfico de tres metros e medio.

As obras enmárcanse dentro do plan POS+ que desenvolve a Concellería de Medio Rural en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña.

Compartir: