CONSORCIO

Música de tradición islámica sufí na Igrexa da Universidade

03/04/2007 Unha nova proposta do Festival de Músicas Contemplativas trae á igrexa da Universidade a mellor musica islámica de tradición sufí. Chegará da man de Ikhwan Al-hadra (Os irmáns da presenza) o mércores 4 de abril, ás 22:30 horas.

Ikhwan Al-hadra, dirixido por Fakhreddine Yacoubi, seguidor da Sulamiyya, está composto por algúns dos máis auténticos expoñentes da cultura musical popular de Túnez. A igrexa da Universidade acolle un concerto-ritual que reproduce o marco no que os cantos adoitan entoarse, xunto cos instrumentos tradicionais. As vestimentas e os obxectos rituais utilizados (candeleiros, incensarios, braseiros, estandartes, esteiras) pertencen á tradición sufí e contribúen a manter viva a inspiración espiritual da devoción relixiosa deste grupo de cantores.

As voces de Ikhwan Al-hadra resoan todo o ano, tanto con ocasión das festas públicas do calendario litúrxico como nas cerimonias privadas celebradas en familia. Fóra do seu propio contexto cultural e social, o grupo acepta a invitación para interpretar os cantos da tradición espiritual magrebí soamente en situacións e lugares rigorosamente seleccionados, a fin de poder preservar a autenticidade dunha expresión artística que é, en primeiro lugar, unha forma de meditación e de contemplación. O nome do grupo é un chamamento á fraternidade espiritual e á presenza divina evocada durante a ofrenda musical.

Este concerto-ritual denomínase "hadra" ou "sama", que no léxico sufí define o concepto de "audición mística", e comprende a cantilena coránica, himnos en forma responsorial e a repetición do nome divino, "dhikr". Tamén se acompañan por instrumentos de percusión como o bendir (tambor plano - pandeiro), o ghendoua (tímpano), ou o darbuka (tambor en copa), ademais de polo bater de palmas.

Igrexa da Universidade

A igrexa da Universidade, ou da Compañía, levántase ao carón da facultade de Xeografía e Historia, e foi construída como sé principal da Compañía de Xesús, no século XVII. Cando a orde foi expulsada de España, a finais do século XVIII, as imaxes da fachada, que representaban a San Ignacio de Loiola e a San Francisco Xavier, foron "decapitadas", e as súas cabezas substituídas polas de San Pedro e San Paulo. Actualmente a igrexa pertence á Universidade e está dedicada a sala de exposicións. No seu interior destaca o retablo maior, barroco, proxectado por Simón Rodríguez, o mesmo arquitecto que deseñou a fachada de Santa Clara e a Igrexa de San Francisco.

Nos programas levados a cabo polo Consorcio de Santiago, con motivo da celebración do Quinto Centenario da Universidade, esta igrexa tivo un papel destacado, xa que acolleu varias exposicións. Nela realizáronse obras de restauración na cuberta, campanario, fachada, paredes e teitos interiores, en diferentes fases (1998, 1999 e 2003).

Compartir: