SEMANA SANTA

Devoción, sabores e música na Semana Santa de Compostela

03/04/2007 A cidade celebra a Semana Santa cunha ampla oferta de actividades que combinan as procesións e os actos litúrxicos cunha oferta complementaria en forma de rotas gastronómicas e música. En colaboración coa Xunta de Confrarías, Turismo de Santiago preparou unha serie de propostas que enriquecen a oferta turística durante estes días.

Un dos atractivos destas datas son as numerosas procesións que percorrerán as rúas compostelás. Así, o martes 3 de abril, ás 21:00 horas, sae a Procesión do Cristo da Paciencia, co seguinte percorrido: Convento das Mercedarias, Fonte de Santo Antonio, Orfas, Toural, Rúa do Vilar, Praza das Praterías e Catedral. Os confrades camiñan con cruz de guía parroquial, música de banda de cornetas e tambores e da Banda de Música Municipal.

Para o mércores 4 de abril queda o Exercicio do Vía Crucis, a partir das 20•30 horas. Sae do Campiño de San Francisco para chegar á Praza do Obradoiro e nela participa unha representación de tódalas confrarías compostelás. Orixinariamente saía coa Cruz de Damasco de los Pais Franciscanos, pero dende 1957 esta substitúese polo Cristo da Paciencia de Conxo.

O Vía Crucis fundouno a Confraría do Noso Pai Xesús Flaxelado, colaborando coas confrarías de Noso Pai Xesús Nazareno e a Santísima Virxe das Dolores e a do Santo Cristo da Unción e a Nosa Señora da Serenidade. En 1988, tras 21 anos de ausencia da Semana Santa, a Coordinadora de Asociacións Relixiosas Seglares retómaa por expreso desexo do entón Arcebispo Antonio María Rouco Varela. Actualmente, as 14 estacións do Vía Crucis repártense polo percorrido e sinálanse por outras tantas cruces de madeira.

Unhas horas despois, ás 23:00 horas arrincará das Orfas a procesión do Cristo da Misericordia, cun percorrido con volta ao mesmo lugar. A Confraría de Estudantes, como se lle coñece popularmente, paseaba con cruz de guía acompañada de nenos de gala, música de banda de tambores e música de capela. A talla do Santísimo Cristo de a Misericordia é un Ecce Homo tallado por Diego de Sande, discípulo de Gregorio Fernández, que pertence á Orde Franciscana Seglar.

Xoves Santo

Para a xornada do Xoves Santo está prevista, ás 19:30 horas, a procesión da Última Cea. Arrincará e rematará na Igrexa de San Francisco, camiñando con cruz parroquial acompañada de carraca, música de banda de cornetas e tambores e música da Banda Municipal.

O paso da Última Cea do Salvador é unha talla do escultor compostelán Sanmartín que data de 1864. O nazareno de Medinacelli que se saca en procesión foi doado á Confraría da Vera Cruz polas relixiosas da Compañía de María. Esta confraría foi fundada a mediados do século XVI.

Ás 23:30 horas sairá de San Agostiño a procesión do Xesús Flaxelado para percorrer boa parte das rúas da zona histórica. Ten carácter penitencial, con cruces e cadeas. A imaxe de Noso Pai Xesús Flaxelado foi tallada por Diego de Sande no primeiro terzo do século XVIII. A Confraría congrega a 350 confrades na noite do Xoves Santo.

Venres Santo

O Venres Santo comeza ás 11:00 horas coa tradicional Procesión do Santo Encontro. Dende a Praza da Quintana e ata a Igrexa de San Miguel dos Agros, os confrades camiñan con cruz parroquial, música de banda de cornetas e tambores e da Banda Municipal.

As imaxes da Virxe dos Dolores e do Noso Pai Xesús Nazareno visten mantos de veludo confeccionados e bordados nos talleres de costura Porto na segunda metade do XX.

Xa pola tarde sairá a Procesión da Quinta Angustia, cunha imaxe realizada no XX do imaxineiro Xesús Picón. A esta confraría pertencían os frades de San Martín. A procesión acostumaba a saír o luns de Pascua, sendo trasladada ao Venres Santo en 1968.

Tamén o venres celébrase a Procesión do Santo Enterro, a partir das 20:00 horas, con saída e chegada en San Domingos de Bonaval. Os seus 150 confrades visten de frac. O Cristo Xacente é obra de Pedro Taboada, mentres que a Virxe dos Coitelos é una talla de 1960 de Castor Lata e luce un manto regalo da raíña Isabel II á confraría.

A última procesión do día é a da Vires da Soedade, dende as 23:00 horas. Sae da Rúa Nova e volve para chegar á Igrexa de Salomé. Sae con imaxes da Santísima Virxe da Soedade, cuberta con manto de acibeche do artesán compostelán Marcelino, e con paso alegórico do Calvario.

A Confraría foi fundada no século XVII. Ata os anos 30 a procesión saía o Domingo de Paixón. Durante moito tempo recibiu o nome popular de procesión de "Os Caladiños" e nela desfilaban tan só mulleres.

Sábado

Para a xornada do sábado aínda queda outra procesión, a dos Irmáns, a partir das 20:00 horas, con saída e chegada en Concepción Arenal. Desfila coas tallas do Santo Cristo da Unción e da Nosa Señora da Serenidade, ademais da Cruz dos Infantes, un dos símbolos identificativos da Confraría, que es portada por 22 nenos. Dende 2006 contan cunha sección xuvenil de 31 mozos.

A Confraría está irmandada coa da Nosa Señora das Angustias de Ferrol, coa da Santa Cea de Baeza, en Xaén, e ca da Flaxelación do Noso Pai Xesús da Bondade e María Santísima do Consolo de Ciudad Real.

Pero ademais das procesións e dos actos litúrxicos, nesta ocasión preparouse especialmente para estas datas unha oferta gastronómica específica. Baixo o título de "Sabores de paixón", preséntanse catro propostas para gozar dos establecementos de restauración da cidade. "Pratos Cuaresmais" ofrece menús de vixilia en varios restaurantes, mentres que "Doces paixóns" é unha invitación a desgustar a repostería típica. As tapas de vixilia veñen da man de "14 estacións", mentres que "Rotas capuccinas convida a un percorrido por algunhas das máis emblemáticas cafeterías.

Ciclo de Músicas Contemplativas

A outra oferta destacada da Semana Santa é o Ciclo de Músicas Contemplativas, que do 3 ao 7 de abril as máis diversas propostas musicais. O Festival de Músicas Contemplativas desenvolverase nas igrexas de San Martiño Pinario, Universidade, Orfas, Ánimas, San Fiz de Solovio, Mercedarias, Orde Terceira de San Francisco e Santo Agostiño. En cada unha delas actuarán, respectivamente, Gabrieli Consort & Players, Ikhwan Al-hadra, Cuarteto da Real Filharmonía de Galicia, La Grande Chapelle, Ensemble Organum, Ex Cathedra Consort & Continuo, Choir and Studio for Spiritual Music Melódi e Hespèrion XXI. Estes grupos proveñen de puntos tan distantes como Túnez, Francia, Reino Unido ou Belgrado.

Compartir: